Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e a cidadanía Coruñesa rexeitan o uso do...
18-10-2023
A primeira desta xeira de reunións foi cos concelleiros de economía, e planificación urbana, e medio ambiente. Nesta xuntanza o concello informou da sua intención de implantar o quinto contedor para a recollida separada de residuos de envases pola exixencia tanto do Ministerio como da Xunta de Galiza, por aplicación da lexislación vixente.
Así mesmo, o concello tamén considera urxente buscar unha solución aos rexeites do proceso de tratamento, que actualmente están a ser levados a un vertedoiro. Para darlle saída a estes rexeites, o concello trasladou a ADEGA que non descarta a incineración, sexa en SOGAMA ou nunha incineradora de cola (anexa a Nostián). Nesta xuntanza, os membros de ADEGA, pularon por priorizar a mellora da xestión, mantendo o carácter comarcal íntegro do proxecto Nostián, os seus obxectivos de reciclaxe e compostaxe (comezando a producir compost de calidade, o que non fixo até o de agora). ADEGA deixou claro ante o concello que se Nostián non produciu compost como esta previsto, foi por falta de vontade do concello e a propia empresa, xa que tanto a planta como mesmo a actual recollida separada húmido-seco si o permiten.
Neste posicionamento ADEGA coincide co Comité de empresa de Nostián, cos que tamén mantiveron unha xuntanza. O comité trasladoulle ADEGA a súa preocupación de que a urxencia de xestión dos rexeites leve a unha solución falsa que acabe depreciando Nostián e converténdoo nun apéndice de SOGAMA. As dúas entidades coincidiron durante esta reunión en que non se deberán seguir a dar pasos deixando o Consorcio á marxe, xa que, debería ser un axente principal na definición do novo modelo de xestión.
Así, a última das xuntanzas tivo lugar a pasada semana, co presidente recentemente reelixido e o xerente do Consorcio das Mariñas. O Consorcio manifestou a ADEGA a súa preferencia por manter Nostián como proxecto comarcal, mais por un Nostián que verdadeiramente responda aos obxectivos co que foi creado, polo que constatamos o aliñamento dos obxectivos de ADEGA tamén cos do Consorcio, sempre e cando se dean os pasos axeitados e correctos.
A asociación ecoloxista tamén puido constatar, durante unha reunión mantida con diversas asociacións veciñais, a coincidencia cos puntos de vista destes colectivos, que reclaman máis transparencia na xestión da planta de Nostián. As entidades veciñais tamén fixeron fincapé en retomar as visitas a Nostián. Outros puntos nos que tamén houbo coincidencia foi en consideran que sobran contedores na rúa, manifestándose preocupados por unha maior ocupación de espazo en moitas áreas nas que non existe tal dispoñibilidade, e tamén polo previsible aumento da taxa do lixo pola introdución do contedor específico de envases.
Para conseguir que a planta de tratamento de residuos de Nostián mellore a súa eficiencia e reduza a cantidade de rexeites, ADEGA considera imprescindible priorizar a mellora da recollida separada mediante a educación ambiental, a sensibilización e proxectos reais de compostaxe doméstica e comunitaria.
Para conseguir que a planta de tratamento de residuos de Nostián mellore a súa eficiencia e reduza a cantidade de rexeites, ADEGA considera imprescindible priorizar a mellora da recollida separada mediante a educación ambiental, a sensibilización e proxectos reais de compostaxe doméstica e comunitaria.
Esta postura foille trasladada tanto ao concello como ao Consorcio, xunto coa crítica do preproxecto de decembro de 2022, que non avanza neste sentido e pola contra xa se decantaba polo contedor de envases e o envío de rexeites a SOGAMA. ADEGA tamén reafirmou a súa oposición á incineración do lixo, sexa directamente como fai SOGAMA ou do que chaman rexeites e que son só o resultado dunha mala xestión da recollida separada e do tratamento en Nostián. A incineración é responsable dunha forte contaminación atmosférica e claramente incompatible coa mellora da reciclaxe, como ven demostrando a realidade de SOGAMA.
Son perigos reais, como ten posto de manifesto ADEGA en diversos documentos, pois o contedor específico para envases lixeiros terá con toda seguridade custos económicos e ambientais adicionais, e non mellorará as taxas de reciclaxe, que veñen sendo 3 veces maiores como modelo actual de Nostián que co do contedor de envases en SOGAMA.
As entidades veciñais reclaman máis transparencia, para coñecer todas as alternativas e consecuencias que poden ter para os barrios e a cidadanía, e agardan charlas e reunións explicativas ao respecto.
Finalmente, ADEGA comprometeuse a facer chegar ao Concello diversas propostas encamiñadas ao que consideramos prioritario e necesario para avanzar na xestión ecolóxica dos residuos na comarca. Como xa avanzamos, estas propostas tratarán da mellora da recollida separada, a educación ambiental e a sensibilización, proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria, e a promoción da preparación para a re-utilización. A Coruña e Consorcio deberán completar os elos de recollida e tratamento de residuos con plans de economía circular que permitan avanzar na prevención da xeración de residuos, a reparación e re-utilización, a participación cidadá e a mellora da recollida separada.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal