ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Nostián cuadruplica a recuperación de envases de...

04-08-2023

Nostián cuadruplica a recuperación de envases de SOGAMA sen necesidade do quinto contentor

Nostián atinxiu en 2022 a recuperación de 31,9 kg de residuos de envases por habitante e ano, fronte aos 8,3 de SOGAMA. Traducido en porcentaxe dos residuos xerados, mentres Nostián se acercou ao obxectivo legal cunha porcentaxe de recuperación do 58,4% deste tipo de materiais, SOGAMA ficou no 15,4%. Non fican dúbidas de que introducir un quinto contedor específico para residuos de envases, como se lle está a pedir a Nostián e ven tendo SOGAMA desde sempre, non vai na dirección da mellorar as cantidades recuperadas.

ADEGA analizou a evolución recente da xestión de residuos na comarca da Coruña, e máis en concreto do chamado modelo Nostián. Os resultados recollémolos no presente INFORME.
Os datos para 2022 indican unha reciclaxe do 20,3%, biodixestión e compostaxe do 30,6% e vertido do 49,1%. Son as mellores cifras despois das de 2019, cando o vertido xa baixara do 50%, situándose no 48% naquel ano. Pola contra, os concellos do ámbito SOGAMA destinan máis do 80% de media a vertido e a queimar.

Fixándonos nos envases, mentres en Nostián se recuperan máis de 30 kg de envases usados por persoa e ano, en SOGAMA esta cifra fica en menos do 9 kg por persoa e ano. A pesar diso, nestes momentos debátese se A Coruña e o Consorcio das Mariñas deben introducir o contedor amarelo para recoller os envases de forma separada, emulando así o modelo implantado desde hai 20 anos no ámbito SOGAMA e que mantén a Galiza segunda pola cola entre as comunidades autónomas, en reciclaxe no ámbito estatal (segundo datos do Ministerio), só por riba de Melilla.

Nostián cumpre arestora cos obxectivos de recollida de envases da Directiva

Nostián non precisa introducir un quinto contedor para a recollida separada de residuos de envases. O modelo actual de separación húmico-seco, baseado na recollida conxunta dos residuos de envases e o resto da fracción seca, non só permite recoller separadamente a fracción orgánica, adiantándose 22 anos a este requirimento legal, senón que ademais triplica a recollida de envases que o contedor amarelo ten acadado no ámbito SOGAMA.

Nostián cumpre neste momento os obxectivos da recollida e preparación para a reciclaxe dos residuos de envases, que se sitúa entre o 55 e o 60% das cantidades xeradas.

No INFORME que hoxe presentamos analisamos polo miúdo os resultados do ámbito Nostián nos últimos anos, comparándos cos de SOGAMA.

Os resultados móstrannos con claridade que a introdución dun contedor específico para recoller residuos de envases de forma separada do resto da fracción seca non vai mellorar a situación actual de Nostián senón todo o contrario. A mellora debe vir doutras medidas, como son un decidido impulso á sensibilización cidadá e á recollida separada en orixe, e de garantir dunha vez o tratamento por separado en Nostián da fracción orgánica xa separada en orixe. Se queremos ir máis aló, debemos pensar en modelos de recollida máis eficientes, como pode ser o modelo o porta a porta para os residuos domiciliarios en substitución dos contedores anónimos de rúa.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal