ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA recorrerá tres parques eólicos que ameazan...

28-06-2023

ADEGA recorrerá tres parques eólicos que ameazan a única parella de aguia real da provincia de Lugo

Os parques eólicos Xeada, Orballeira e Neboada conforman un único macroproxecto de dez aeroxeradores sobre as serras do Courel e Valdeorras.


A Asociación ecoloxista ADEGA pide colaboración cidadá para reunir os fondos necesarios e poder así emprender accións xudiciais contra tres proxectos eólicos situados sobre as serras do Courel e Valdeorras: Xeada, Orballeira e Neboada. Os dous primeiros veñen de unirse este mércores á campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos! para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico promovido pola Xunta de Galiza, mentres que o último, Neboada, xa leva recadados máis de 400 euros no medio mes que o desafío leva activo na plataforma.

Para poder contribuír a estes tres desafíos #TPP, ADEGA pon a disposición as seguintes plataformas online de crowfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/xeada https://tipodesparalos.helpbysc.com/orballeira https://tipodesparalos.helpbysc.com/neboada

Con estas tres novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 22 desafíos, correspondentes a 22 parques eólicos que poñen en risco o medio ambiente e o patrimonio natural galego e que son potencialmente recorribles. Polo de agora, a campaña xa superou os 52.000 euros de recadación no seu conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica depredadora e insustentábel impulsada pola Xunta e o Estado coa connivencia do oligopolio enerxético.

A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en perigo

Os parques eólicos Xeada, Orballeira e Neboada son resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico de ao redor de 65 MW de potencia, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental, polo que podería tratarse dunha fraude de lei. Os tres comparten infraestruturas e as súas poligonais atópanse superpostas unhas con outras. Ademais, están promovidos por tres sociedades -Maia, Sinagra e Neiva- radicadas en Madrid e que forman parte da mesma matriz de accionistas.

En concreto, os parques eólicos Xeada e Orballeira proxéctanse sobre os concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras en Ourense e Quiroga en Lugo, mentres que Neboada se estende pola Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras en Ourense e Quiroga e Ribas de Sil en Lugo. Suman un total de 10 aeroxeradores de 220 metros de altura que se sitúan nos límites da Rede Natura 2000 e que ocupan parte dunha área prioritaria para a protección da avifauna. De feito, os seus muíños afectarán de forma crítica á única parella de aguia real da provincia de Lugo e a outras aves vulnerábeis como a gatafornela ou a tartaraña cincenta.

Os tres proxectos atópanse dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e tanto Xeada como Neboada cruzan o corredor ecolóxico entre tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra. Ademais, os aeroxeradores deste macroproxecto eólico, que poderán verse desde miradores e rutas de sendeirismo, mermarán o interese paisaxístico e turístico da contorna do encoro de San Martiño e de espazos como os montes de Cernego ou a Serra de Enciña da Lastra.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para estes tres desafíos é de 6.100 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes e nela será preciso acadar un mínimo de 3.000 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

O desafío #TPPPicoSeco precisa apoio

No pouco máis dun mes que a campaña Ti Podes Paralos leva en marcha, acadaron o seu primeiro reto un total de sete parques eólicos (Rodicio II, Cunca, Monte da Croa, Valdepereira, Vilartoxo, Troitomil e Touriñán III-2), polo que xa iniciaron a súa andaina de cara á consecución do último obxectivo. Polo de agora, ADEGA poderá presentar recurso de alzada contra eles e elaborará o informe técnico ambiental correspondente.

A asociación ecoloxista pide un último esforzo para conseguir o mesmo na campaña correspondente ao parque eólico Pico Seco, situado ao pé do espazo da Serra do Candán, e que forma parte, xunto co P.E. Valdereira, dun macroproxecto eólico de 13 aeroxeradores que interrompe o corredor ecolóxico entre varios espazos protexidos das comarcas do Deza e O Carballiño. Restan dous días para alcanzar o seu primeiro reto e poder emprender as accións xudiciais en defensa destes territorios.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun . Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal