ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / De eólica, cabalos salvaxes ou moedas sociais:...

27-06-2023

ADEGA edita o número 89 de CERNA, a maior revista sobre o medio ambiente e ecoloxía de Galiza, xa dispoñible en formato dixital.

De eólica, cabalos salvaxes ou moedas sociais: sae o novo número da Revista Cerna

A Revista CERNA, editada pola asociación ecoloxista ADEGA, lanza o seu novo número no medio do gran reto colectivo que supón 'Ti Podes Paralos!', a campaña de recadación solidaria para procurar frear no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a vaga eólica. Precisamente, as políticas en materia enerxética abren as páxinas do número 89 da Revista Cerna, que da man do doutor en Economía Ecolóxica, Xavier Simón Fernández, desmonta que o caso de Muras poida considerarse un exemplo a seguir no modelo eólico. Ademais, as profesoras da USC Rosa Regueiro e María Cadaval debullan o funcionamento do negocio eólico no Estado español e afondan na necesidade de compensar os impactos ambientais, sociais e económicos que a eólica ten sobre as poboacións locais.

A Cerna 89 mergúllase tamén na auga dos mares e dos ríos para coñecer o seu estado ecolóxico nun contexto de grave crise climática. O presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, escribe sobre o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral que planea a Xunta de Galiza, e que, segundo explica, "baleira de contido" termos como "sustentabilidade". Ademais, a investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Elena Ojea, revisa as novidades da evidencia científica sobre o cambio climático no medio mariño e demanda unha resposta "ecoloxicamente efectiva e socialmente xusta" á crise nos océanos. O proxecto Fluviatilis, no que está inmerso ADEGA canda a outras entidades do Estado, e tamén as limpezas ecolóxicas dos mares e ríos da Coruña levadas a cabo pola asociación, centran outros dous artigos deste número.

Biodiversidade e xestión de residuos

A gran importancia ecolóxica dos cabalos salvaxes en Galiza (da man de Jaime Fagúndez e Laura Lagos, investigadores da Universidade da Coruña); a situación do corvo mariño cristado no monumento natural Costa de Dexo (cun artigo do biólogo Álvaro Barros e do ténico do CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza- Sergio París) e os métodos de prevención non letais de ataques do lobo ao gando (da man de Sabela Silvarrey e Joan Alibés, de Beealia S.C. e Ruth Rodríguez, profesora da Facultade de Veterinaria da USC) conforman o seguinte dos bloques desta Revista Cerna, dedicado á conservación e biodiversidade.

En materia de xestión de residuos, a publicación revisa o estado da compostaxe en Galiza a través dun artigo da educadora ambienta de ADEGA María Amigo, que explica as oportunidades de emprego local e de inclusión social que representa o posto de traballo da mestra/e composteira/o. Ademais, Cerna viaxa ata Allariz e Pontevedra para afondar en dous exemplos claves da xestión dos residuos no país: o proxecto Re Allariz, impulsado polo Concello de Allariz, e Revitaliza, deseñado pola Deputación de Pontevedra.

Estrea de seccións

O número complétano unha crítica literaria da bióloga e ecoloxista Adela Figueroa ao libro El despilfarro de las naciones, de Albino Prada; e un chamado a outras economías a través de iniciativas de moedas sociais, da man de Xosé Martínez, participante no Banco de Tempo de Lugo e das Roghas. Ademais, metémonos na terra co investigador Óscar Penín para debullar novas fórmulas centradas no patrimonio coas que abordar o reto demográfico e territorial das zonas rurais.

ADEGA presenta un número moi completo e diverso de contidos que, ademais, estrea tres novas seccións, máis alá das habituais -Ciencia Cidadá, Recursos e Flora e Fauna de Galiza-. Así, a poesía regresa ás páxinas de Cerna grazas á poeta Olga Novo; e o educador ambiental de ADEGA, Ramsés Pérez, inaugura a sección A-prender! Coñecementos que prenden na memoria en torno a pequenas curiosidades da natureza e o medio ambiente. A terceira estrea, sobre patrimonio cultural de Galiza, tráea a Rede do Patrimonio Cultural Galego, que escribirá sobre esta temática en cada unha das publicacións da Revista Cerna.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal