Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza novas campañas #TiPodesParalos para...
23-06-2023
A Asociación ecoloxista ADEGA suma este venres tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase, en concreto, dos parques eólicos Rodeira, en Vila de Cruces e Lalín; e Serra do Colmo e Serra de Piñeira sobre Baralla, Láncara e Becerreá. As autorizacións, aprobada pola D.X. de Planificación Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia entre o pasado martes 13 e mércores 14.
Para poder contribuír a estes tres novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodeira
https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradocolmo
https://tipodesparalos.helpbysc.com/serradepinheira
Con estas tres novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 20 desafíos, correspondentes a 20 parques eólicos potencialmente recorribles. Para iso, ADEGA chama á colaboración cidadá para alcanzar os obxectivos de doazóns necesarios e poder así emprender accións xurídicas fronte aos proxectos máis lesivos para o medio ambiente galego. Os desafíos correspondentes a Vilartoxo e Troitomil, na Barcala, son os que precisan agora mesmo dun maior empurrón para alcanzar o seu primeiro reto. Polo de agora, no pouco máis dun mes que a campaña leva publicada, xa supera os 42.000 euros en conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica impulsada pola Xunta e o Estado coa conivencia do oligopolio enerxético.
O parque eólico Rodeira é un dos que inicia este venres o seu percorrido na campaña. Promovido por Green Capital Power S.L., contempla a instalación de dous aeroxeradores cunha potencia total de 12,6 MW e 240 metros de altura, que terán un impacto sobre os espazos protexidos da Rede Natura 2000 "Sistema Fluvial Ulla", e tamén sobre o BIC Mosteiro de Carboeiro, o Santuario do Corpiño ou o Observatorio astronómico de Vila de Cruces. Ademais, o proxecto é incompatible coa supervivencia da fauna local vulnerable e en perigo de extinción como o millafre real. Rodeira, xunto cos parques eólicos Cunca e Mesada, é resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental.
O mesmo acontece no caso do parque eólico Serra do Colmo e Serra de Piñeira. Ambos os dous conforman un macroproxecto eólico nas catro montañas contiguas entre Baralla e Becerreá, canda ao P.E. Serra do Furco e Chao do Marco. Suman no seu conxunto 131 MW promovidos pola empresa Enel Green Power España S.L. En concreto, o proxecto Serra do Colmo rodea de muíños de vento a xoia románica do Mosteiro de Sta. María de Penamaior, e destrúe áreas de campeo do millafre real, ave en perigo de extinción. A súa poligonal limita cos espazos da Rede Natura ZEC Ancares-Courel e ZEC Cruzul-Agüeira; e obstaculiza a conectividade ecolóxica entre dúas Reservas da Biosfera. No caso de Serra de Piñeira, este parque sitúase directamente enriba da Reserva da Biosfera Terras do Miño e afecta a zonas de ampliación da Rede Natura 2000. Os muíños, moi próximos a vivendas, supoñen unha grave ameaza para as aves vulnerables da zona.
O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para estes tres desafíos é de 6.100 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este venres, 23 de xuño, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.000 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.
Tras pouco máis dun mes de percorrido, Ti Podes Paralos xa suma varios éxitos. Logo de que as campañas de recadación relativas ao P.E. Rodicio II e P.E. Cunca acadaran o seu primeiro reto, tamén o fixeron esta semana os desafíos #TPPMontedaCroa e #TPPValdepeirera, polo que xa iniciaron a súa andaina de cara á consecución do segundo e último obxectivo. Polo de agora, ADEGA poderá presentar recurso de alzada contra eles e elaborará o informe técnico ambiental correspondente. A asociación ecoloxista fai un especial agradecemento a todas as persoas que achegaron o seu gran de area para alcanzar estes retos e pide a colaboración da cidadanía para espallar a campaña.
Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio
ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun . Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal