ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA suma os P.E. Neboada, Mesada e Xesteirón á...

14-06-2023

ADEGA suma os P.E. Neboada, Mesada e Xesteirón á campaña #TiPodesParalos para procurar detelos no TSXG

A campaña #Tipodesparalos que lanza ADEGA ten como obxectivo recorrer ante a Xustiza boa parte dos 75 proxectos eólicos autorizados recentemente pola Xunta de Galiza.

A Asociación ecoloxista ADEGA engade tres novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase, en concreto, do parque eólico Neboada, situado nos concellos da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga e Ribas de Sil (Lugo); o parque eólico Mesada, en Vila de Cruces (Pontevedra); e o parque eólico Xesteirón, en Montederramo e Chandrexa de Queixa (Ourense). As súas autorizacións, aprobadas pola D.X. de Planificación Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o venres 2 de xuño, o xoves 8 e o martes 6, respectivamente. 

Para poder contribuír a estes tres novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:

https://tipodesparalos.helpbysc.com/neboada
https://tipodesparalos.helpbysc.com/mesada
https://tipodesparalos.helpbysc.com/xesteiron 

Deste xeito, a campaña “Ti podes paralos!” xa suma un total de 15 desafíos, cada un deles destinado a recadar os fondos necesarios para emprender as accións xudiciais contra os parques eólicos máis lesivos para o medioambiente e o patrimonio galego. Ademais de Neboada, Mesada e Xesteirón, xa iniciaron a súa andaina na campaña de recadación o parque eólico Campo das Rosas, Portovidros, As Penizas, Touriñán III-2, Cunca, Pico Seco, Valdepereira e Monte Festeiros en Pontevedra; Troitomil, Vilartoxo e Monte da Croa na Coruña; e Rodicio II en Ourense.

A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en perigo

O parque eólico Neboada forma parte dun único macroproxecto xunto cos parques Orballeira e Xeada, resultado dunha fragmentación artificial para esquivar unha avaliación ambiental rigorosa. En concreto, Neboada está impulsado por Maia Directorship, S.L. e conta con catro aeroxeradores de 220 metros de altura e 25,2 MW de potencia instalada. Este complexo eólico proxéctase no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos (ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra), e entre outros impactos, afectará de forma crítica á única parella de aguia real da provincia de Lugo, unha das poucas existentes en Galiza. 

Do mesmo xeito que Neboada, o parque eólico Mesada tamén constitúe un só macroproxecto canda ao proxecto Rodeira e Cunca, que xuntos suman case 50 MW de potencia. Situado en Vila de Cruces e con dous aeroxeradores de 180 metros, Mesada proxéctase a escasos metros da Rede Natura e terá unha afectación visual e paisaxística severa sobre tres espazos protexidos da contorna, onte está documentada a presenza de numerosas especies ameazadas, e sobre o BIC Monteiro de Carboeiro.  

O P.E. Xesteirón, pola súa banda, afecta ao Macizo Central Ourensán, fogar de especies como a aguia real, o lobo, o voitre branco ou o millafre real. O proxecto, que tamén se sitúa nas proximidades da Rede Natura 2000 e a poucos quilómetros do parque eólico autorizado recentemente pola Xunta Rodicio II, impactara de forma significativa sobre dúas áreas de interese para a preservación da avifauna, ademais de afectar hábitats de interese comunitario protexido, pequenos humidais de alto valor e elementos patrimoniais como os muros de pedra seca, que serán destruídos polas pistas eólicas.

Un mes para acadar o primeiro reto da campaña

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para os desafíos #TPPNeboada e #TPPMesada é de 6.100 euros. A primeira fase terá unha duración de 1 mes desde este mércores ata o 14 de xullo, na que será preciso acadar un mínimo de 3000 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase, procurarase acadar outros 3.100 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar. No caso do desafío #TPPXesteirón, o obxectivo mínimo sobe a 7.300 euros, dividido en dous retos de 3.650 euros cada un.

Última semana de #TPPMontedaCroa para alcanzar o Reto 1

Mentres uns inician o seu percorrido na campaña, outros desafíos van chegando á súa última semana para alcanzar o primeiro reto. É o caso do relativo ao parque eólico Monte da Croa, que xa recadou máis de 2.000 euros e ten por diante outros oito días para superar o reto, cun obxectivo de 3.650 euros. ADEGA chama a poboación galega a facer un último esforzo para asegurar así o inicio das accións xudiciais fronte a este parque, que prevé sete aeroxeradores na Costa da Morte, unha zona xa saturada de eólicos.  

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParaloshttps://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio  

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!”  a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun. Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal