ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA sae ao río co alumnado de Lalín para...

13-06-2023

ADEGA sae ao río co alumnado de Lalín para concienciar sobre a problemática das invasoras

A asociación ecoloxista xa instalou a súa exposición sobre especies exóticas invasoras e agora fará unha visita guiada e unha saída ao río co alumnado do IES Laxeiro de Lalín.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades programadas da man de centros de ensino co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos. 

Tras visitar varios centros educativos na conca do río Tea e do río Limia, a exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza' recalou agora no IES Laxeiro de Lalín, onde se desenvolverá unha visita guiada pola mostra e unha saída ao río este mércores, 14 de xuño. 

A través da exposición e da visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, con especial fincapé nos impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. 

Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza. 

Realizarase tamén unha saída ao río para coñecer de primeira man esta problemática e mostrar como se realiza unha análise da calidade do ecosistema fluvial mediante indicadores biolóxicos como os macroinvertebrados.

Proxecto Fluviatilis

As actividades de educación e sensibilización ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal