ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA procura fondos para recorrer no TSXG dous...

09-06-2023

ADEGA procura fondos para recorrer no TSXG dous parques eólicos en Tabeirós-Terra de Montes

Trátase dos proxectos Campo das Rosas e Porto Vidros, un macroparque eólico obxecto de fragmentación artificial en Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.


A Asociación ecoloxista ADEGA lanza este venres dous novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Trátase, en concreto, dos parques eólicos Campo das Rosas, en Cerdedo, A Estrada e Campo Lameiro; e Porto Vidros, tamén en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. As autorizacións, aprobada unha polo Consello da Xunta e outra pola D.X. de Planificación Enerxética, foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado mércores, 7 de xuño.

Para poder contribuír a estes dous novos desafíos #TPP, ADEGA acaba de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:

https://tipodesparalos.helpbysc.com/campodasrosas

https://tipodesparalos.helpbysc.com/portovidros

Ambos os dous súmanse a outros dez que ADEGA leva activado nas últimas semanas no marco da campaña "Ti podes paralos!" co obxectivo de emprender accións xurídicas contra os proxectos eólicos máis lesivos para o medio ambiente galego. Así pois, a poboación galega tamén pode facer a súa achega aos desafíos vinculados ao parque eólico Rodicio II en Ourense, Monte da Croa na Costa da Morte, Valdepereira e Pico Seco no Deza e O Carballiño, Vilartoxo e Troitomil na Baña, Negreira e Val do Dubra, e Monte Festeiros, Cunca, Touriñán III-2 e As Penizas na provincia de Pontevedra.

Arte rupestre en xaque

Cromo: @OFinsGZ

Campo das Rosas e Porto Vidros conforman en realidade un único macroproxecto eólico, dividido artificialmente nestes dous parques coa finalidade de sortear unha adecuada e rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto. Os dous suman, en total, 9 aeroxeradores situados moi preto de vivendas e cunha potencia eólica de 35,91 MW. Están promovidos pola empresa Naturgy Renovables nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada, pertencentes ás comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra.

O proxecto eólico Campo das Rosas sitúase, en concreto, no monte Montouto, un corredor ecolóxico a poucos quilómetros de varias áreas protexidas pola Rede Natura 2000. Parte das súas infraestruturas localízanse no traxecto da Baixa das Bestas de Sabucedo; e ademais do grave impacto que ocasionará no patrimonio inmaterial cultural da tradición, o polígono tamén ameaza os ecosistemas de matogueira que estes animais axudan a manter. O parque pon en perigo queirogais atlánticos, turbeiras e brañas nas que están presentes especies en perigo de extinción e fauna catalogada como vulnerable. A isto súmase o impacto que o proxecto terá sobre a que é unha das áreas con maior concentración de arte rupestre ao aire libre de Europa.

O proxecto eólico Porto Vidros, pola súa banda, ubícase no monte das parroquias de Pedre, Cerdedo e Corredoira; e a liña eléctrica de evacuación prevé cruzar o propio curso do río Lérez, o que suporá un forte impacto nos ecosistemas de ribeira e a avifauna. Tamén a escasa distancia de dúas áreas da Rede Natura 2000 (LIC “Río Lérez” e “Serra Cando”), este parque proxéctase a escasa distancia de varios petróglifos, como a Laxe das Filloeiras e a Laxe da Romaxe, sobre a formación granítica denominada “Penaquetanxe”, unha peneda de gran valor antropolóxico, e sobre os conxuntos etnográficos de Serrapio e Pedre.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para o desafío #TPPPortoVidros é de 6.500 euros. Porén, a recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este venres, 9 de xuño, na que será preciso acadar un mínimo de 3000 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar outros 3.500 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

No caso do desafío #TPPCampodasRosas establécese un único reto cunha duración de 2 meses e un obxectivo mínimo de recadación de 5.000 euros, xa que a autorización foi aprobada polo Consello da Xunta e non pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética, de maneira que ADEGA recorrerá o proxecto directamente en vía contenciosa-administrativa.

O reto 1 de #TPPRodicioII entra na súa última semana

O P.E. Rodicio II, que foi o primeiro dos desafíos #TPP lanzado por ADEGA, entra na súa última semana de recadación de fondos para superar o Reto 1. Ata o de agora, esta campaña suma 2.070 euros dos 3.650 que ADEGA marcou como obxectivo nesta primeira fase. A asociación ecoloxista demanda un último empurrón para completar o reto e poder presentar, así, o recurso de alzada contra a autorización previa e de construción do proxecto, ademais de elaborar o informe técnico ambiental.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun

Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal