ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA suma dous novos desafíos #TPP na comarca do...

31-05-2023

ADEGA suma dous novos desafíos #TPP na comarca do Deza

ADEGA suma dous novos desafíos á campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Á campaña “Ti podes paralos!” para frear os proxectos eólicos Rodicio II, na provincia de Ourense, e Monte da Croa, na da Coruña, súmanse agora outros dous desafíos de recadación para poder emprender accións xurídicas na provincia de Pontevedra, en particular, contra os proxectos eólicos Valdepereira e Pico Seco, cuxas autorizacións aprobadas pola D.X. de Planificación Enerxética foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado luns, 29 de maio.

Para poder contribuír a estes dous novos desafíos #TPP,  ADEGA vén de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding:

Valdepereira e Pico Seco: fragmentación eólica ao pé da Serra do Candán

mapa PE Valdepereira e PE Pico Seco

O macropolígono eólico conformado por Valdepereira e Pico Seco está promovido pola empresa Aerogeneración Galicia, S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo, pertencentes ás comarcas do Deza e O Carballiño. Conxuntamente, ambos proxectos suman máis de 50 MW de potencia eólica e 13 aeroxeradores que acadan 180 metros de altura. A envergadura deste macroproxecto eólico e a súa localización supoñen unha especial ameaza para espazos naturais protexidos que están situados ao seu carón, como é o caso da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Candán. Pero ademais, as instalacións racharían abruptamente a conectividade ecolóxica entre varios espazos protexidos próximos, como son tres áreas prioritarias para a protección da avifauna, ou as zonas de Rede Natura Serra do Candán, Serra do Cando, Pena Veidosa, Monte Faro ou Brañas do Xestoso.

paisaxe valdepereira

Os 13 aeroxeradores impactaría seriamente na avifauna ameazada e protexida incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, especialmente na tartaraña cincenta (Circus pygargus) en estado vulnerable, e tamén causaría prexuízos significativos para o lobo pois afecta directamente a zonas de encame e puntos de encontro desta especie, pois asinfraestruturas eólicas fragmentarían o seu hábitat.

A calidade paisaxística da contorna tamén ser vería gravemente comprometida, afectando a varias devesas maduras de alto valor ecolóxico e cultural, como a devesa da Ermida do medio ou do Campo dos Lobos, a devesa e coto de Surribas, a devesa do Alén, a devesa de Abeleda, a devesa de Froufe ou o val do río Viñas, onde conflúe co río do Testeiro.

No caso do proxecto eólico Pico Seco hai que destacar unha especial afección no patrimonio cultural, xa que terá repercusións directas no interese do conxunto etnográfico “Foxo do Cabrito” ou no vello Camiño de Arrieiros, ou no castro de Zacarade.

Un mes para acadar o primeiro reto da campaña

Camiño de arrieiros

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para cada desafío é de 6.500 euros. Porén, a recadación establécese en dúas fases. A primeira fase terá unha duración de un mes desde hoxe ata o 1 de xullo, na que será preciso acadar un mínimo de 3000 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase, procurarase acadar outro tanto para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.

Outros desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña #TiPodesParalos: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun

Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal