24-05-2023
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organizará o próximo sábado, 27 de maio, un maratón de biodiversidade ou 'Bioblitz' nos ríos Arnego e Tambre. Esta iniciativa consiste en realizar un censo exhaustivo das especies de flora e fauna nun tempo reducido.
Trátase dunha actividade de Ciencia Cidadá e descubrimento da biodiversidade local na que profesionais da ciencia que estudan distintos grupos de flora e fauna tentarán identificar o maior número de organismos vivos que habitan no río Arnego e no río Tambre, coa colaboración de todas as persoas que queiran sumarse a este reto e achegar o seu gran de area ao inventario de especies e o descubrimento do patrimonio natural destes espazos.
Da man de especialistas de ADEGA e axudados por persoas voluntarias (afeccionadas ou cidadanía sen coñecementos previos) preténdese recoñecer o máximo número de especies, tanto de animais como de plantas e liques.
Este proxecto de investigación naturalista poderá gozarse durante o próximo 27 de maio, ás 10:30h, no río Tambre e no río Arnego, lugares que serán explorados por todas as persoas que se sumen a colaborar no recoñecemento do máximo número de especies. Así, búscase aprender sobre as técnicas de estudos científicos de campo e documentar plantas, peixes, invertebrados, aves ou mamíferos. Tamén pegadas, rastros e sinais.
O BioBlitz está aberto a todas aquelas persoas que desexen participar, ben levando a cabo mostraxes pola súa conta ou ben integrándose en calquera das mostraxes guiadas. Para participar na xornada é preferible inscribirse con antelación no correo electrónico ramses@adega.gal. Unha vez recibida a solicitude, informarase sobre o punto de encontro concreto.
Un dos obxectivos máis importantes deste BioBlitz é que os datos xeren unha listaxe actualizada da biodiversidade deste espazo natural e que poidan ser utilizados por persoas científicas, xestoras municipais ou pola propia cidadanía, para profundar na biodiversidade dos municipios ou para formar parte de estudos máis detallados.
O 'Bioblitz' que organiza ADEGA enmárcase no denominado proxecto Fluviatilis, no que participan entidades de diferentes territorios, que tamén convocaron maratóns de biodiversidade dedicadas a observar, describir e identificar a fauna e a flora do seu ámbito de actuación: Asociación de Naturalistas del Sureste (ANSE) en Murcia, Grup de Natura Freixe (GNF) en Catalunya, Fundació LIMNE na Comunitat Valenciana e Red Cambera en Cantabria.
O conxunto de 'Bioblitz' que organizan as entidades do proxecto Fluviatilis proporcionará información en tempo real sobre a evolución dos censos, a través da inclusión das citas en diversas apps de ámbito naturalista.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal