ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Día Internacional da biodiversidade: ADEGA leva...

22-05-2023

Día Internacional da biodiversidade: ADEGA leva ao Parlamento Europeo a situación da Rede Natura galega

Este luns 22 de maio a ONU propuxo celebrar o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Coincidindo con esta data, esta semana a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acolle unha audición para avaliar o estado da aplicación da Directiva Hábitats. ADEGA levará ao Parlamento o caso galego para expoñer a situación da nosa Rede Natura e as reiteradas agresións que sofre por unha deficiente planificación e o desleixo da administración.

Do acordo á acción: reconstruir a biodiversidade

Este é o lema que propón a ONU para celebrar neste 2023 o Día Internacional da Diversidade Biolóxica.  Malia a todos os avanzos tecnolóxicos, a humanidade depende totalmente do estado de saúde dos ecosistemas para proverse de servizos básicos como auga, alimentos, medicamentos... Reparar e protexer a diversidade biolóxica é o único xeito de garantir a contuidade destes e outros moitos servizos ecosistémicos. É un ben mundial de capital importancia para as xeracións presentes e futuras. Se a biodiversidade sofre, a humanidade tamén...

Os acordos internacionais como o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (Montreal, 2022) e a nível europeo as Directiva de Hábitats e de Aves son ferramentas inprescindíbeis para protexer e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas naturais, e a súa urxente e correcta aplicación debe ser unha prioridade absoluta para as administracións públicas.
Porén, estes instrumentos legais son a miúdo ignorados, rebaixados ou directamente incumpridos, como exemplifica claramente o estado da Rede Natura 2000 en Galiza.

Unha Rede Natura 2000 galega cativa e sen eficaces instrumentos de xestión

Rede Natura e proxectos eólicos

En Galiza a protección legal da Rede Natura non se fixo efectiva até o ano 2004 mediante o Decreto 72/2004, de 2 de abril, polo que se declaraban determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Malia a que Galiza posúe estatutariamente competencias plenas en materia de conservación da Natureza, o retraso en transpoñer ao marco lexislativo autonómico as determinacións das Directivas de Hábitats e Aves foi superior ao acontecido no Estado. O Decreto 72/2004 dotou de rango legal á proposta de Rede Natura 2000 enviada en 2003 á Comisión Europea, que en Galiza abranguía 59 lugares, 4 na Rexión Mediterránea e 49 na Rexión Atlántica, aos que hai que engadir 6 lugares máis adscritos as dúas unidades bioxeográficas e 14 ZEPAs. No seu conxunto as áreas designadas para formar parte da Rede Natura 2000 galega atinxían 374.434,8 hectáreas, un 11,87% do territorio.
En comparación Galiza é a autonomía (agás Melilla) que en proporción integra a menor superficie en Rede Natura 2000 de todo o Estado o que colide cos valores de referenza (18%) establecidos no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (Metas de Aichi). Este feito contrasta ademais coas porcentaxes que amosan comunidades veciñas como Castela-León cun 26,13%, e Asturies cun 28,87%, esta última cunha menor diversidade bioxeográfica.
E non foi até o ano 2014 que se oficializou a proposta de Rede Natura 2000 galega, através do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran Zonas Especiais de Conservación (ZEC) os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plano Director da Rede Natura 2000 de Galiza.

A intervención de ADEGA na audición da Comisión de Peticións sobre o estado e as eivas na aplicación da Directiva de Hábitats centrarase en expoñer as anomalías do caso galego: Temos unha Rede Natura 2000 infrarrepresentada con respeito aos hábitats e especies dos Anexos I e II da Directiva 92/43CEE. Alén disto, as ferramentas de xestión (Plano Director) non só non garanten a viabilidade e a coerencia da Rede Natura 2000 galega, senón que incumpren as decisións da propia Comisión Europea. E namentras, o desenvolvemento eólico, mineiro, das infraestruturas etc. continúa a executarse sobre espazos susceptíbeis de incorporarse á rede de protección da biodiversidade, derramando as potencialidades que os servizos ecosistémicos que acubillan prestan á sociedade.

Ser queremos preservar a biodiversidade como reclama a ONU, é urxente pasar á acción e ampliar a Rede Natura 2000 galega, alén de dotada de instrumentos verdadeiramente efectivos. Faise urxente en consecuencia, como imos reclamarlle á Comisión, que para evitar que continúe a política de feitos consumados, se decrete unha moratoria para os desenvolvementos sectoriais que afecten ás áreas potenciais de ampliación, mentras non culmine ese proceso.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal