ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Municipais 2023: Propostas para uns concellos...

19-05-2023

Municipais 2023: Propostas para uns concellos máis sustentábeis

Con vistas ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, dende ADEGA queremos salientar a importancia das políticas municipais para acadarmos un modelo ecoloxicamente sustentábel no noso país e propoñer algunhas medidas concretas para acadarmos ese reto. A amplitude da crise ambiental amplificada pola mudanza climática precisa de accións urxentes, tamén por parte dos entes locais, concellos e deputacións.

As propostas ambientais adoitan ser un fixo nos programas das distintas forzas políticas e coalicións, para atender ás demandas dunha cidadanía cada vez máis concienciada. Porén, a súa relevancia e non digamos o seu cumprimento fican moias veces nun segundo plano ou mesmo esquecidas. Deste xeito moitas das medidas que aparecen nos programas, de tan transversais acaban sendo tanxenciais e, xa que logo, irrelevantes...

50 PROPOSTAS PARA UNS CONCELLOS SUSTENTÁBEIS

Mudanza climática, enerxía e transporte

1. Integrar a loita contra a mudanza climática en todos os eidos da actividade municipal.
2. Redución do consumo enerxético co obxectivo do 50% através do aforro, a eficiencia, a suficiencia e as enerxías renovábeis, establecendo obxectivos concretos, temporalizados e verificábeis.
3. Poñer en marcha sistemas de autoconsumo con fontes renovábeis nas instalacións municipais e incentivar este no ámeto doméstico através das comunidades enerxéticas.
4. Plano de optimización da iluminación exterior con criterios ecolóxicos e culturais para evitar a contaminación lumínica.
5. Elaborar Planos de Mobilidade Sustentábel mancomunados ou integrados no desenvolvemento das áreas metropolitanas e comarcais, promovendo o transporte público a intermodalidade e os deslocamentos non motorizados.
6. Estensión das zonas 30 a todo o casco urbano, con iniciativas de peonización masiva, alongando a rede de carrís bici e sendas peonís.
7. Favorecer o uso do veículo electrico e a substitución dos de combustión discriminando o acceso ás ciidades e estendendo os puntos de recarga de automóbiles eléctricos.

Espazos naturais

8. Inventario local e comarcal de ENP, da biodiversidade e da xeodiversidade, enfocado á preservación dos servizos ecosistémicos que prestan os hábitats naturais.
9. Promoción dos ENIL (Espazos Naturais de Interese Local) e das microrreservas, garantindo a aprobación e aplicación dos planos de xestión dos espazos naturais no eido local.
10. Recuperar superficies para o monte público ou comunal, coa vocación de que sexan áreas de interese natural ou solo rústico non edificábel..
11. Poñer en marcha proxectos de restauración ambiental os concellos: traballar na recuperación de bosques, sebes, dunas, pequenas zonas húmidas, etc.
12. Plan municipal de inventariado e erradicación das especies invasoras (análise lugares de entrada, zonas de eliminación, protocolos...)
13. Fomentar proxectos de custodia do territorio como ferramenta de conservación do patrimonio natural e cultural, contemplando beneficios fiscais ás persoas e entidades que asinen acordos de custodia.
14. Catalogar e protexer o patrimonio xeolóxico e paisaxístico impulsando e apoiando a creación de Lugares de Interese Xeolóxico (LIXs) e Xeoparques.
15. Promover a declaración de “Concello Libre de Eucaliptos” através de ordenanzas que efectivicen na práctica esa declaración, desenvolvenfo programas de erradicación e control.
16. Prohibición das touradas e espectáculos que degraden aos animais.
17. Contar con instalacións dignas para a acollida de animais domésticos abandonados suficientemente dotadas.
18. Artellar fórmulas de convivencia cos animais silvestres xestionando os conflitos.

Auga

19. Promover de xeito efectivo e prioritario o aforro de auga incorporando os custos ambientais á fiscalidade, para establecer unha progresividade e penalizar o desbaldimento.
20. Reutilizar as augas pluviais e depuradas (rega, limpoeza viaria, loita contra incendios...) evitando o consumo de auga potabilizada.
21. Garantir a depuración integral das augas residuais promovendo sistemas descentralizados e con sistemas mixtos e a depuración natural.
22. Tratamento separado das augas residuais urbanas das industriais para evitar disfuncións nas depuradoras públicas e trasladar os custos á cidadanía.
23. Remunicipalización do ciclo integral da auga urbana, que inclúa todos os tratamentos de potabilización, traslado desde o lugar de captación até o seu subministro e a súa depuración e reutilización.


Urbanismo

24. Adatar os novos desenvolvimentos urbanísticos ás necesidades reais de vivenda para primeira residencia e equipamentos públicos, evitando a ocupación de terras de interese agrario, ecolóxico patrimonial ou paisaxístico.
25. Antepoñer a rehabilitación e o uso das vivendas baleiras á construción de novas.
26. Garantir a participación social real no deseño e xestión urbanística, através de ferramentas como os Consellos de Participación Veciñal.
27. Integrar a eco-eficiencia e o respecto pola paisaxe nas formas construtivas, usando materiais locais materiais de construción locais e deseños respectuosos co medio para rematar co feísmo.
28. Protección efectiva dos solos non urbanizados situados a 500 metros do mar ou a 100 metros dos ríos, renunciando a reducir a servidume do dominio público de 100 a 20m como permite a actual Lei de Costas.

Residuos

29. Incentivar a prevención, redución, reutilización e a reciclaxe de residuos, asumindo a estratexia do “Residuo Cero”.
30. Apostar pola compostaxe para a xestión da materia orgánica, implantando a separación en orixe e a compostaxe doméstica, comunitaria, municipal e mancomunada.
31. Establecer sistemas recollida selectiva “porta a porta”.
32. Apostar pola xestión pública directa e pola remunicipalización dos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, parques e xardíns.
33. Mercar os subministros dos organismos e edificios municipais a produtores/as locais, ciclos curtos e certificación ecolóxica.
34. Limitar a implantación de grandes superficies comerciais e potenciar o comercio local e os centros comerciais de rúa.
35. Reducir a cantidade de residuos nos eventos organizados polo concello e veciñanza abandonando as vaixelas de plástico.
36. Creación de empresas sociais de recuperación (preparación para reutiliación) de roupa, electrodomésticos, aparellos electrónicos....
37. Campañas de concienciación e educación sobre a problemática dos refugallos para crianzas e persoas adultas, incluindo a educación ambiental “porta a porta”.


Rural

38. Rexeitar actividades agresivas como a megaminaría ou os macroeólicos que deterioren a calidade de vida das persoas ou alteren o equilibrio ecolóxico.
39. Impulsar as redes curtas de comercialización e incentivar o consumo de alimentos de orixe local e galega.
40. Recuperar espazos de cultivo en concellos semiurbanos con terreos abandonados, dando a oportunidade de cultivar os seus alimentos a todas as persoas dispostas a facelo.
41. Declarar o concello “Libre de Transxénicos” para evitar o cultivo e o consumo de organismos e produtos xeneticamente modificados no seu territorio.
42. Abandonar uso de agrquímicos como o glifosato para a xestión da vexetación non procedente así como dos pesticidas neonicotinoides.

Participación cidadá

43. Promover a participación das organizacións sociais na vida institucional e potenciar o seu papel como vehículos de participación e sensibilización.
44. Poñer en marcha de xeito efectivo os consellos municipais de medio ambiente e garantir a publicidade dos plenos, actas e toda información institucional.
45. Aplicar os Orzamentos Participativos a todos os eidos e en todas as partidas dos orzamentos municipais.
46. Elaborar unha Estratexia Municipal de Educación Ambiental e un Plano de Educación Ambiental Municipal para a súa aplicación.
47. Facilitar espazos físicos para a vida colectiva e a participación pública das entidades sociais e veciñanza.
48. Criazón de oficinas locais de voluntariado ambiental.


Fiscalidade verde

49.  49. Reforma dos tributos e taxas existentes (lixo, vehículos, auga, depuración, obras...) para promover a eficiencia e gravar o desbaldimento e as emisións contamantes.
50. Reinvestimento do canon eólico e hidroeléctrico en proxectos de mellora ambiental e fomento da sustentabilidade.


ADEGA

Galiza, maio de 2023



Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal