ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA falla os Premios Osíxeno e Dioxina 2022,...

10-04-2023

ADEGA falla os Premios Osíxeno e Dioxina 2022, que entregará o 15 de abril en Lugo

A asociación ecoloxista ADEGA vén de fallar os Premios Osíxeno e Dioxina de 2022, que xa acadan a súa 22ª edición. Estes galardóns pretenden recoñecer e destacar publicamente as mellores e peores accións ou actitudes exercidas de forma individual e colectiva  fronte o medio ambiente galego durante o período anual. Desta volta, ADEGA quixo premiar en positivo a persoas e colectivos que puxan pola defensa do medio ambiente, do patrimonio e do ensino no rural galego, e puxo o foco no titular da Consellaría de Medio Rural e no Tribunal Supremo para sinalar as actuacións máis nefastas para a contorna natural de Galiza durante o ano 2022.

Premios Osíxeno de Honra 2022

A Xunta Directiva de ADEGA outorga desta volta o Premio Osíxeno de Honra a dous activistas de ADEGA e referentes no ecoloxismo galego, cuxa traxectoria na defensa do medio ambiente e do patrimonio do país está recoñecida, máis aló do ámbito conservacionista. Pepe Salvadores Cobas e Daniel López Vispo, ambos os dous procedentes da provincia de Lugo, tiveron un papel fulcral como impulsores das principais loitas ecoloxistas de Galiza, e contribuíron con especial determinación e perseverancia a manter vivos algúns dos tesouros naturais que hoxe en día conservamos. Desde ADEGA proferimos un especial aprezo, respecto e admiración por estes dous compañeiros que ocuparon cargos directivos diversos na organización e que serviron para todos e todas, en máis de unha ocasión, de faros no percurso e traxectoria de ADEGA.

Daniel López Vispo 
O seu papel na defensa ecoloxista do país foi especialmente intenso e activo na segunda metade dos anos 90  e na década do 2000.  Foi a cabeza visible e voceiro de ADEGA en varias das loitas máis importantes, como a librada contra o paso da autovía A-6 polo Val do Neira (Baralla), na defensa da zona ZEPVN e ZEC Serra do Xistral fronte os eólicos, ou contra a enxurrada de minicentrais nos ríos galegos ou a especulación urbanística en Barreiros. Foi o precursor na defensa dos espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 fronte a explotación mineira ou a implantación caótica e irracional dos proxectos de enerxía renovábel, que hoxe, 25 anos despois temos tan presente. A Daniel López Vispo debémoslle, entre outros destacados legados, a preservación do litoral galego fronte o Plan Acuícola de Fraga, que ameazaba con destruír todos os cabos litorais do país con piscifactorías industriais de peixe plano. En Rinlo, mesmo puxo en risco ata a súa integridade física diante das máquinas de Álvarez Cascos para impedir a construción da cmacrogranxa acuícola de Acuinor en zona de Rede Natura. En ADEGA exerceu os cargos de Secretario Xeral e secretario na delegación de Lugo durante varios anos, poñendo na primeira plana pública e política aquelas loitas ecoloxistas de marcado carácter social que caracterizan a historia de ADEGA.

Pepe Salvadores Cobas
Pepe Salvadores está sempre disposto á acción e para todo tipo de tarefas. Unha mente sensible, curiosa e creativa que non deixa de ferver ideas de cara á actividade reivindicativa na defensa do país. As capacidades de Pepe Salvadores son múltiples e diversas. Concibe e vincula a acción ecoloxista a un acto de amor cara a unha terra e cara a un pobo.  Compartiu con Vispo numerosas loitas, tamén a finais dos 90, e no cambio de século coordinou unha das principais loitas populares, como foi a desenvolvida por COGADER contra as minicentrais e encoros nos ríos. Un exemplo de traballo en rede que deu manifestos froitos, un deles, a Lei de protección e conservación dos ríos galegos. Pola súa continuidade e alcance, a de COGADER pode considerarse un dos mellores exemplos de "plataformas" sociais cunha finalidade ecoloxista moi concreta. Amante do monte e dos seus moradores, foi vogal de biodiversidade por varios anos en ADEGA, sendo un dos seus principais estímulos e empeños a defensa e protección da fauna e flora autóctonas e a recuperación dos saberes populares ligados ao medio ambiente. Hoxe en día segue sendo membro da directiva de ADEGA na que exerceu diversos cargos. Tamén é o autor da sección de fauna da revista Cerna.

Premios Osíxeno 2022

Osíxeno Individual 2022: Alicia López Pardo
Alicia López Pardo di que a súa entrega ao medio ambiente vén desde a infancia. Foi educada no respeito á sabedoría popular e á lingua galega, menosprezada nas vilas. Por iso ela sempre traballou en escolas rurais, sendo unha das chamadas mestras da montaña. Admiradora de Uxío Novo Neira, o grande poeta do Courel, e da súa muller Elba, nunca descoidou o seu compromiso polo coidado do medio natural tendo unha visión globalizada na que cultura, lingua e sabedoría popular resultan obxecto da súa acción reivindicativa. Na actualidade lidera a Asociación Roxin Roxal, impulsa a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural (Rede do Rural) e fai parte da Rede do Patrimonio Cultural de Galiza, Salvemos o Iribio e da Coordinadora Eólica Así Non. De 2022, destacamos o seu especial empuxe e alento na loita contra a invasión eólica e a prol do ensino e das escolas no rural.

Osíxeno Colectivo 2022: veciñanza do Courel
ADEGA quere solidarízarse a través do Premio Osíxeno Colectivo 2022 con todas aquelas persoas, aldeas e comunidade de montes que sufriron no verán de 2022 a terríbel lacra dos incendios forestais. Uns incendios que, en tan só 3 días, calcinaron máis superficie ardida da que vaticinaba a Xunta ao longo de todo o ano. Este premio vai dedicado especialmente ás veciñas e veciños das aldeas arrasadas polos lumes de 2022 e que, tras a catástrofe ecolóxica e as perdas sufridas, e contra todo pronóstico, erguéronse con valentía e decisión e autoorganizáronse para recuperar e devolver a vida aquelo que foi roubado polo lume. Ademais dos bens materiais, o lume leva consigo a memoria, a historia e a cultura popular das aldeas. Neste senso, foi exemplificante a actitude e a capacidade de rexurdir que demostraron unha vez máis os veciños e veciñas dos pobos da Serra do Courel, ás que debemos que esta xoia natural non esmoreza baixo as chamas para sempre.

Premios Dioxina 2022

Dioxina Individual 2022: Xosé González, conselleiro de Medio Rural
ADEGA outorga o premio Dioxina Individual de 2022 ao conselleiro de Medio Rural, Xosé González, por sendos motivos. Un deles, a súa intención de dotar as comunidades de montes veciñais en man común de personalidade xurídica eliminando o carácter xermánico da titularidade veciñal, a través dunha nova lei de montes veciñais en man común que non conta co aval dos titulares comuneiros e comuneiras. Se esta nova lei de montes veciñais prospera, as comunidades de montes perderían dereitos sobre as súas terras e  poderian entrar no tráfico do comercio e ser acaparadas por interess económicos, especulativos (ENCE, mineiras, eólicas...) ou urbanísticos alleos aos intereses da veciñanza comuneira.

Outro dos motivos que xustifican este galardón, é a nefasta xestión que o conselleiro de Medio Rural (compartida coa conselleira de Medio Ambiente) diante da vaga de lumes forestais que o pasado verán asolou nunha semana máis de 30.000 hectáreas de espazos naturais protexidos ou ecosistemas de especial ecolóxico e ambiental, alén do numeroso patrimonio material que as poboacións afectadas perderon. O alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de terse activado todo o operativo previsto polo Plan de Prevención e Extinción de incendios forestais de Galicia (PLADIGA 2022), tal e como procedría na tempada de máximo risco de lumes, e de térense adoptado as medidas complementarias establecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español, tal e como lle advertiron numerosas organizacións sociais.

Dioxina Colectivo 2022: Tribunal Supremo
O Premio Dioxina Colectivo, desta volta, vai dirixido ao Tribunal Supremo, e nomeadamente aos maxistrados que fallaron a favor da permanencia da factoría de celulosa de ENCE na ría de Pontevedra e revogaron a sentenza da Audiencia Nacional que declaraba ilegal a prórroga á pasteira do expresidente do goberno español, Mariano Rajoy. A parcialidade do Supremo para con ENCE e o PP quedou de manifesto na propia sentenza que incluíu un voto particular contrario á revogación, ao cal eximimos do recoñecemento dioxina. Por mor deste fallo do Supremo, a papeleira de Ence podería permanecer na ría de Pontevedra polo menos ata o ano 2073, o que, á súa vez, imposibilitaría a recuperación ambiental da ría.

Acto de entrega

Os galardóns serán entregados no decurso da 47ª Asemblea Xeral de ADEGA, este sábado, 15 de abril, durante o xantar de confraternización que terá lugar no Mesón Abel da ciade de Lugo. 

Como galardón será entregada unha escultura do artista Nacho Porto.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal