Inicio /
Novas /
Todas /
Colectivos ecoloxistas, ambientalistas, sociais e...
05-04-2023
Colectivos ecoloxistas, ambientalistas, sociais e culturais de Lugo asinan o manifesto na Defensa do Val do Río Rato
ADEGA xunto con unha trintena de colectivos ambientalistas, sociais e culturais e partidos políticos de Lugo e provincia, veñen de asinar un manifesto na defensa do val do río Rato, pulmón verde de Lugo, ameazado polo proxecto de construción da Rolda Leste.
Todos os colectivos e persoas a nivel individual que queiran poden asinar o manifesto “Salvemos o val do río Rato (pulmón verde de Lugo), NON A ROLDA LESTE.” no portal Change na ligazón: https://chng.it/sdn87vGhJR.
Xunto coa campaña de recollida de sinaturas online, iniciamos unha campaña de rúa para informar a todas as persoas dos impactos que esta autovía produciría de forma irreversíbel sobre o val do río Rato e a cidade de Lugo.
MANIFESTO NA DEFENSA DO VAL DO RATO (PULMÓN VERDE DE LUGO)
Os colectivos e persoas individuais asinantes opoñémonos á construción da rolda leste polos motivos que se sinalan neste manifesto.
- A Rolda Leste sería unha infraestrutura innecesaria altamente custosa
Esta autovía foi proposta para unha cidade de máis de 250.000 habitantes, prevendo que a poboación de Lugo no ano 2020 sería de 115.000 habitantes, cando a día de hoxe non chega aos 100.000. As vías existentes teñen capacidade para asumir o tráfico da cidade.
Non hai ningún estudio de mobilidade que xustifique a construción desta autovía e no que se avalíe a repercusión que vai ter sobre a mobilidade da cidade.- A Rolda Leste é unha infraestrutura con alto impacto ambiental
O trazado proxectado causaría un impacto irreversible sobre unha das zonas máis valiosas de Lugo. Crearía unha fronteira de asfalto, fragmentando o territorio e provocando a consecuente degradación dos bosques autóctonos da zona, así como dos camiños históricos e todo o patrimonio asociado, degradaría totalmente a paisaxe dunha zona privilexiada e protexida dentro do Plan Especial de Protección do Río Miño (PEPRIM).Lugo é a única capital de provincia da Península Ibérica que ten o privilexio de estar dentro dunha Reserva da Biosfera que quedaría profundamente afectada.
- A tramitación da Rolda Leste non ten garantías ambientais
A Xunta da por válida a declaración de impacto ambiental de hai 19 anos. As modificacións no trazado como a construción dun terraplén de 23 m de altura (é dicir coma un edificio de 7 plantas de altura) no rego Samai non son avaliados ambientalmente. Tampouco se adapta aos requirimentos ambientais actuais, nin foi avaliada no seu momento a afección a especies ameazadas.
- A Rolda Leste non ofrece garantía social
Pensada para unha maior poboación, esta infraestrutura afectaría á poboación urbana e rural de Lugo. Os núcleos de Bosende e Barbaín serían zona de sacrificio, e quedarían recluídos entre dúas vías de alta capacidade, con apertura de pistas innecesarias, destrución de vías de comunicación existentes, da identidade, da etnografía e da paisaxe.
- O proxecto da Rolda Leste é anticuado e vai en contra da mobilidade sustentable e adaptación ao cambio climático
Calquera cidade pagaría por ter un espazo natural como o que temos, con árbores centenarias que conforman o val do río Rato e melloran a calidade do aire da cidade. Este proxecto destruiría o pulmón verde de Lugo, indo en contra das premisas de mobilidade sustentábel que se propoñen no Plan de Acción Lugo Cidade Verde, na Axenda 2030.
- A Rolda Leste podería afectar negativamente ao turismo
Este proxecto suporía a destrución do val do río Rato e da calidade paisaxística tal e como hoxe a coñecemos. Na actualidade este parque periurbano na Reserva da Biosfera Terras do Miño é segundo TripAdvisor, un dos destinos preferidos das persoas que visitan a provincia de Lugo. Así mesmo a vía proxectada atravesaría de feito irreversible a vía Künig e a Vía Romana XIX ao seu paso por Lugo.
Asinan o manifesto: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Sociedade Micolóxica Lucus, Asociación As carballeiras de Bosende, Paredes e Anguieiro, Asociación Foliada de Bosende, Asociación cidadá contra a letra pequena -CONLUPA, Amigos do Paseo do Rato, Asociación Galega de Custodia do Territorio, CIG Lugo-A Mariña, Bloque Nacionalista Galego, Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza, Plataforma Social Vía Galega, Club Cultural Valle-Inclán, COMPASSES, Asoc. Lugo Patrimonio, A Solaina, Plataforma Feminista de Lugo, Asembleas de Humanidades, Asociación Cultural Rente ao Couce, Esquerda Unida Lugo, Círculo Podemos Lugo, Podemos Galicia, Asociación Morcegos de Galicia, CSA A Hedreira.
Ligazóns
Descargas
Novas relacionadas