ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reclama para usos ambientais os caudais que...

23-03-2023

ADEGA reclama para usos ambientais os caudais que ALTRI e XEAL pediron bombear do Ulla e Xallas

ADEGA vén de participar no trámite de concorrencia de proxectos para a concesión de caudais con destino a usos industriais e hidroeléctricos que ALTRI e XEAL solicitaron no Ulla e Xallas respeitivamente. Trátase dun procedemento de concorrencia de proxectos regrado no Regulamento do Dominio Público Hidráulico (RDPH) que se abre cando unha ou máis empresas solicitan ao organismo regulador unha concesión de auga.  Reclamamos para usos ambientais eses mesmos caudais, habida conta do mal estado ecolóxico das masas de auga que pretenden bombear.

Obviamente a intención de ADEGA non é solicitar a concesión de caudal con destino a un proxecto industrial ou hidroeléctrico, senón chamar a atención sobre a excesiva presión á que estes proxectos someten aos nosos recursos hídricos e facer valer a xerarquía de usos establecida nos Planos Hidrolóxicos: os usos ambientais e de abastecemento están por riba dos usos industriais e hidroeléctricos que reclaman tanto ALTRI para a súa planta de fibras téxteis en Palas de Rei como XEAL para a súa central de bombeo en Mazaricos.

ALTRI ameaza a consecución do bo estado ecolóxico no encoro de Portodemouros

ALTRI pedíu para usos industriais 535 l/s Río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a unha planta de fabricación de fibras téxteis con eucalipto. ADEGA presentouse á concorrencia de proxectos reclamando adicar ese mesmo caudal a usos ambientais. Pretendemos que Augas denegue a concesión solicitada por ALTRI e que eses caudais fiquen no río para non degradar máis o estado do Ulla no encoro de Portodemouros.

Grande parte das masas de auga do río Ulla atópanse actualmente en mal estado, o que indica que a bacía está moi presionada, e os caudais que quedan serían esenciais para garantir o seu bo estado ecolóxico como obriga a Directiva Marco da Auga. Ademais, e dada a situación na que se atopa o encoro de Portodemouros, con graves problemas de eutrofización e presenza de cianobacterias, non se debería aceptar outra presión máis nesta masa, e menos un uso industrial que modificaría tanto a calidade das augas como os demais parámetros hídricos.

XEAL pretende turbinar auga do Xallas dende unha zona sensíbel ao pé da Rede Natura 2000

A solicitude da empresa FEROE VENTURES & INVESTMENTS (participada por XEAL, a antiga Ferroatlántica) de 84,5 m3/s do Río Xallas para unha central de bombeo, foi tamén respostada por ADEGA ao entrarmos no trámite de competencia de proxectos. Ao igual que con ALTRI, reclamamos para usos ambientais o caudal solicitado pola empresa.
Diante de Augas vimos de alegar que masa de auga sobre a que se solicita a concesión (o encoro de Santa Uxía) amosa un potencial ecolóxico cualificado como “moderado” debido aos valores de fósforo e transparencia. Ademais o estado desta masa para os tres últimos ciclos de planificación incluindo o actual é “peor que bo”, polo que a detracción do caudal solicitado para un novo aproveitamento hidroeléctrico pode comprometer a consecución dos obxectivos medio-ambientais (OMAs) para o ano 2027 establecidos no Plano Hidrolóxico.

Chamamos tamén a atención sobre o feito de que o río Xallas, augas abaixo do encoro de Santa Uxía, atravesa a ZEC ES1110008 Carnota - Monte Pindo, parte da Rede Natura 2000 galega. A este respeito, no vixente Plano Hidrolóxico aínda non se estudaron e concretaron todas as compoñentes dos caudais ambientais, quer os requerimentos hídricos das zonas protexidas da Rede Natura 2000. E o encoro de Santa Uxía foi declarado en 2018 “zona sensíbel” no ámbito da bacía Galiza-Costa.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal