ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Colectivos astur-galaico-bercianos solicitamos...

21-03-2023

Colectivos astur-galaico-bercianos solicitamos unha reunión urxente coa ministra Teresa Ribera

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Bierzo Aire Limpio, Plataforma para la Defensa de la Cordilleira Cantábrica e a Sociedade Galega de Ornitoloxía dirixímons por carta á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para solicitar unha reunión con carácter urxente durante a súa próxima visita a Ponferrada. A xuízo das entidades ecoloxistas, estamos ante unha situación grave —“fóra de control”—, que preocupa a amplos sectores da sociedade galega, leonesa e berciana.

As catro organizacións, cunha longa traxectoria na defensa do patrimonio natural do ámbito cantábrico, son integrantes do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, alianza que está a presentar batalla legal contra a desproporcionada implantación de proxectos de enerxías renovables no norte de España.

Entre as peticións remitidas á Ministra Ribeira demandan “elaborar unha planificación estratéxica e establecer zonas de exclusión que impliquen a prohibición legal de implantar proxectos de enerxías renovables en espazos de alto valor natural (como os afectados na Cordilleira Cantábrica); protexer a participación cidadá como principal garante da defensa dos territorios e os intereses das persoas que residen neles; implementar a esixencia dun estudo que valore a cantidade en Tep (toneladas equivalentes de petróleo) de combustibles fósiles necesaria para a posta en marcha de cada un dos proxectos expostos (desde o momento de inicio das obras de acondicionamento) e, por tanto, o tempo estimado de funcionamento, necesario para “amortizar” o consumo fósil empregado.

A xuízo dos colectivos, débese “xustificar o carácter de interese público de todos e cada un dos parques propostos cuns criterios que teñan en consideración os usos actuais, sen dar por suposto que a xeración de enerxía eléctrica o sexa en todos os casos”. Tamén solicitan ao Ministerio para a Transición que facilite as listaxes dos proxectos con dereito consolidado de acceso á Rede Eléctrica Española.

Por último, as catro organizacións ecoloxistas e conservacionistas demandan “incrementar as medidas enfocadas ao seguimento e control de todos os proxectos de enerxías renovables evitando a actual laxitude que convida á especulación por parte das promotoras e que, á súa vez levará unha previsible judicialización dos procedementos (algo que aspira a colapsar nun futuro os tribunais); e esixir ás promotoras avais suficientes que inclúan a necesaria provisión de fondos para retirar e reciclar as instalacións industriais cando finalice a súa vida útil, así como unha fianza acorde aos riscos que asumirá o medio ambiente da nosa terra, cuxo fráxil equilibrio se atopa comprometido por proxectos eólicos de magnitude inusitada que se pretenden implantar nun espazo de alto valor natural como a Cordilleira Cantábrica”.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal