ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA reclama á CHMS que denegue a autorización...

17-03-2023

ADEGA reclama á CHMS que denegue a autorización do proxecto da Rolda Leste, sen avaliación ambiental

ADEGA vén de reclamar á Confederación Hidrógráfica Miño-Sil información sobre se ten autorizado o proxecto de construción da Rolda Leste, e en todo caso que denegue a autorización para a realización das obras, xa que o proxecto conta cunha avaliación de impacto ambiental totalmente desfasada sen contemplar a nova normativa en materia de augas. Para poder facer esas obras relativas á modificación do proxecto, este tería que pasar un novo procedemento de avaliación ambiental.

O novo proxecto en fase de exposición pública non conta con avaliación ambiental

O novo proxecto da Rolda Leste afecta ao val do río Rato, unha zona dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que conta cunha gran masa arbórea autóctona. Contempla un viaduto sobre o río Rato, para a conexión da autoestrada coa rotonda da Tolda, nunha zona de gran sensibilidade ecolóxica e de perigosidade de inundacións, pois é a desembocadura do río Rato no Río Miño. Ademais o proxecto prevé a construción dun terraplén de 24m sobre o Rego Samai, o que destruiría este ecosistema fluvial, e que non estaba previsto no proxecto inicial aprobado no 2005.

Pese a isto, segundo o contido do novo proxecto, actualmente en fase de exposición pública, non é preciso realizar un procedemento de avaliación ambiental, pois considera válida a Declaración de impacto ambiental publicada o 24 de xaneiro de 2005.

Dende que se formulou a Declaración de impacto ambiental, pasaron 18 anos, sen considerar as modificacións da lexislación de augas segundo as esixencias das novas directivas europeas e avances ambientais e científico-técnicos; nomeadamente a Directiva de Inundacións, o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, e os tres ciclos de planificación hidrolóxica deseñados segundo a Directiva Marco da Auga.

Con este proxecto eliminaríase unha grande superficie de masa arbórea funcional, que fai de filtro e sustento para a bioloxía, por tanto veríase afectada a calidade fisicoquímica e a hidromorfolóxica no Rego Samai e no Río Rato. De xeito que poderían entrar mais contaminantes químicos e fisicoquímicos no rego de Samai, no Río Rato e finalmente no Río Miño.

De autorizar o proxecto a CHMS estaría incumprindo o RDPH, e o Plan Hidrolóxico Miño-Sil

En caso de autorizar a execución deste proxecto, a CHMS estaría incumprindo o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, por non protexer tanto o Rego Samai coma o Río Rato. Ademais, tendo en conta que o río Rato presenta un estado ecolóxico DEFICIENTE segundo o Plan Hidrolóxico do Miño Sil (Real Decreto 35/2023), a CHMS podería incumprir o seu propio plan de bacía recentemente aprobado. Na normativa establécense como obxectivos ambientais para o Río Rato, acadar o bo estado ecolóxico en 2027 e manter o bo estado químico. A construción da Rolda Leste estaría poñendo en perigo estes obxectivos ambientais que xa se levan postergando dende o primeiro ciclo de planificación.

Atendendo ao exposto, dende ADEGA instamos á CHMS que denegue a autorización do proxecto de construción da Rolda Leste, en aras de conservar o Río Miño, o Río Rato e o rego Samai, e que cumpra, tanto coas obrigas indicadas na Lei de Augas, coma na Directiva Marco da Auga e cos obxectivos ambientais para que non se deteriore máis o estado do Río Rato debido ás actuacións que poñen en perigo a súa calidade biolóxica, fisicoquímica e hidromorfolóxica.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal