ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA achega ás escolas as problemáticas dos ríos...

15-03-2023

O vindeiro xoves, 16 de marzo, ADEGA instalará a exposición sobre especies exóticas invasoras e fará unha visita guiada, así como unha saída ao río, canda ao IES de Brión

ADEGA achega ás escolas as problemáticas dos ríos coas primeiras actividades do Proxecto Fluviatilis

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, comeza as actividades programadas da man de centros de ensino co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora do estado dos ríos.

A primeira das instalacións da exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza' e a visita guiada vinculada a ela terán lugar no centro de educación secundaria IES de Brión. Será este xoves, 16 de marzo, en sesión de mañá.

Como afectan as especies exóticas invasoras aos ecosistemas fluviais?

Na exposición e na visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, ao destacar os impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e mostraranse as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza.

Realizarase tamén unha saída ao río para coñecer de primeira man esta problemática e para explicar como se realiza unha análise da calidade do ecosistema fluvial mediante indicadores biolóxicos como os macroinvertebrados.

As actividades de sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Para máis información:
Ramsés Pérez (616 23 80 50)

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal