ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Vaga eólica, incendios e 20 anos do Prestige: a...

08-03-2023

ADEGA edita o número 88 de CERNA, a maior revista sobre o medio ambiente e ecoloxía de Galiza, xa dispoñible en formato dixital.

Vaga eólica, incendios e 20 anos do Prestige: a Revista Cerna debuxa a Galiza das loitas ecoloxistas

A Revista CERNA, editada pola asociación ecoloxista ADEGA, lanza un novo número no que se debuxa a Galiza do presente e para o futuro, a Galiza das loitas ecoloxistas. Vaga eólica, incendios forestais e os 20 anos do Prestige: a realidade medioambiental galega no ano 2022 estivo marcada por estes tres feitos nos que o número 88 da Revista Cerna pon o foco principal, coa intención de afondar nas agresións e nas gretas que o modelo extractivista e capitalista deixa sobre o noso territorio, e nas resistencias que se tecen fronte a elas.

Así pois, abre a publicación a mobilización social no Día Mundial do Medio Ambiente -5 de xuño- e no Día das Montañas -11 de decembro- por un novo modelo enerxético, canda os fitos históricos acadados nos tribunais, coas paralizacións cautelares conseguidas por ADEGA e a Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica para o macroproxecto integrado polos parques eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural, os tres impulsados por Greenalia. Tamén ten o seu espazo na revista, grazas ao avogado Fernando de Abel, a loita contra a invasión eólica perante a Comisión Europea, onde ADEGA e a Coordinadora Eólica Así Non denunciaron a vulneración de diversas Directivas da Unión na tramitación de proxectos de enerxía renovable en Galiza.

O berro do 'Nunca Máis', de novo presente na sociedade no pasado ano 2022, cóase tamén nas páxinas da revista. Faino a conta do aniversario da catástrofe ambiental do Prestige, que Cerna rememora cunha entrevista a Rafa Vilar, voceiro do movemento 'Nunca Máis', e cunha análise sobre o paradoiro do chapapote recollido da man do secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas. Mais non só: ese mesmo berro colectivo agromou de novo no último verán para esixir responsabilidades fronte aos incendios forestais que asolaron Galiza. 44.000 hectáreas queimadas sobre as que a revista Cerna procura dar respostas da man de voluntariado e voces expertas na extinción de incendios e na recuperación posterior dos solos queimados.

Unha Galiza activa e propositiva


Cerna tamén retrata esa Galiza activa e propositiva que busca alternativas de vida sustentables como as vivendas colaborativas - ás que nos achegamos da man do recentemente nacido Grupo Galego de Vivenda Colaborativa - ou a comunidade enerxética de Tameiga, experiencias en auxe e coas miras postas nun presente e futuro xusto e respectuoso. Ademais, a través das páxinas de Cerna viaxamos tamén ata Turín, onde ADEGA participou no Climate Social Camp, e ata Brasil, dende onde chega unha esperanza renovada para a educación ambiental logo da elección de Lula para un terceiro mandato. Explícao, dende o propio terreo, o profesor Sandro Xavier de Campos.

Así mesmo, Cerna achega desta vez, da man do educador ambiental de ADEGA, Ramsés Pérez, os coñecementos precisos para crear hoteis de insectos; e tamén se adentra na diversidade presente no bosque de Ribeira do Río Barcés, sobre o que teñen desenvolvido propostas de actuación as investigadoras Jaime Fagúndez, Judith Brañes, Yaiza R. Lueje e María J. Servia, da Universidade da Coruña.

Comprometida coa conservación do patrimonio cultural de Galiza, Cerna trata igualmente neste número un elemento clave nas paisaxes galegas: os valados. Faino a través de dous artigos asinados pola arquitecta Mercedes Máquez e a xornalista Xulia Lomba canda ao canteiro conservador Xosé María Lomba. Completa o número unha crítica literaria do novo poemario da escritora, bióloga e activista Adela Figueroa, Matria. Poesia para a Terra; e pechan as páxinas de Cerna, como de costume, as seccións fixas de Ciencia Cidadá e Fauna e Flora de Galiza.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal