ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA apoia a declaración do 9 de marzo como Día...

02-03-2023

ADEGA apoia a declaración do 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego

ADEGA súmase ás entidades conservacionistas, ecoloxistas e de investigación de Galiza que onte propuxeron publicamente declarar o día 9 de marzo, como o Día do Naturalismo Galego, proposta que nace impulsada polo mestre e divulgador Rafael López Loureiro, como acto de homenaxe e de reivindicación.

De homenaxe porque o vindeiro 9 de marzo se conmemora o natalicio en 1695 do primeiro sabio estudoso da natureza de Galiza: Pedro José García Balboa, isto é, o Padre Martín Sarmiento, a quen podemos considerar o primeiro naturalista histórico galego. 

E de reivindicación porque o estudo da natureza de Galiza precisa de maior recoñecemento social e político, para garantir a súa inclusión nos currículos escolares e universitarios e nas políticas comúns. Non de balde, o Padre Sarmiento, como xa sinalara o botánico Miguel Colmeiro, foi devanceiro na España do século XVIII en clamar pola necesidade dos estudos de Historia Natural.

O Pai Sarmiento, primeiro naturalista galego

Desde este 2023, o día 9 de marzo non debería ser unha xornada máis: desexamos que sexa o primeiro Día do Naturalismo Galego, o día de Sarmiento, e instamos a que figure en almanaques e nos programas escolares, que apareza nas redes sociais e na prensa, e que sexa un día para achegármonos á natureza e para que a natureza se achegue a nós.

O Padre Sarmiento valoraba a natureza e era consciente da importancia que posuía o seus coñecemento científico para a saúde pública e para o comercio. Así nolo deixou testemuñado nos seus escritos, moitos aínda inéditos, que destilan unha erudición infinita non exenta dunha enorme capacidade de observación, análise e síntese. Ciencia de calidade nuns tempos difíciles.

Agora, no século vinte e un, grazas en parte ao traballo de divulgación do mestre Rafael López Loureiro dende o seu blogue Ao noroeste do Noroeste,  Sarmiento e o seu labor naturalista volven saír á palestra.

E merecidamente: Sarmiento e o estudo da natureza están de actualidade, nunha época escura e triste para a conservación do noso patrimonio natural, que día a día perde hábitats e ve deturpar biotopos, machucados por centos de parques eólicos, milleiros de quilómetros de fíos de electricidade, millóns de eucaliptos e un case infinito descoñecemento social da biodiversidade que nos rodea. Lamentablemente, e doe dicilo, Galiza é un país sen educación ambiental.

Esperamos que o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado.

Este ano e sempre.Viva a Natureza! Viva a Ciencia! Viva Sarmiento!

#dianaturalismogalego #9MDiaNaturalismoGalego #martinsarmiento #padremartinsarmiento

Acto de presentación no Consello da Cultura

Fonte: Consello da Cultura Galega

O acto de presentación da proposta para declarar o 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego tivo lugar onte no Consello da Cultura Galega, ao que asistiron Ramsés Pérez Rodríguez, por parte de ADEGA; Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural; Santiago Vázquez Casás, vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat, e representantes de Verdegaia e da Federación Ecoloxista Galega, como mostra do apoio a este recoñecemento. Tamén estiveron presentes no acto, o impulsor da proposta, Rafael Loureiro, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Real Academia Galega e Ciencias, Juan Lema.

As entidades ecoloxistas e naturalistas presentes anunciaron a realización de actividades na natureza para o próximo 9 de marzo, como acto de celebración, do primeiro Día do Naturalismo Galego.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal