ADEGA

Inicio / Novas / Todas / As entidades ecoloxistas non asistiremos ao...

14-02-2023

As entidades ecoloxistas non asistiremos ao COGAMADS mentres a Xunta siga vetando o debate eólico

Pedimos o amparo da Valedora para exercer o noso labor como membros eleitos deste organismo


Compostela, febreiro de 2023.
Os vogais ecoloxistas no COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) ausentarémonos na vindeira sesión deste organismo consultivo mentres a Xunta persista en impedir o debate sobre as consecuencias da vaga eólica no patrimonio natural galego.

Na sesión do COGAMADS do 26 de xaneiro de 2022 aconteceron unha serie de irregularidades, como non atender a solicitude de varios vogais para debater un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Porén, a Presidencia eludíu tramitar estas solicitudes abandonando precipitadamente a xuntanza mesmo sen tratar o último punto da orde do día, ante a sorpresa e os protestos dos representantes das nosas organizacións. A acta desa reunión (26 de xaneiro) en absoluto reflectíu estes feitos: varias organizacións pedimos a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, das irregularidades no peche da sesión, e da solicitude dun pleno extraordinario para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia.

Na orde do día da seguinte xuntanza, por dúas veces adiada e finalmente celebrada o 31 de maio de 2022, comprobamos que non figuraban malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na reunión do 26 de xaneiro. As estidades asinantes comunicamos á Presidencia do COGAMADS que os e as vogais das nosas organizacións ausentariámonos mentres non se incluiran na orde do día para o seu debate as propostas sobre a problemática eólica reiteradamente ignoradas por esta Presidencia.

Nesta sesión do 31/05/2022 os representantes do SLG-CCLL e da UDC chamaron a atención sobre as irregularidades denunciadas polos colectivos ecoloxistas ausentes, expresando reparos para a aprobación da acta anterior, á que votaron en contra CIG e SLG-CCLL, e se abstiveron UDC e UA. Asemade, UDC e SLG-CCLL manifestaron a súa oposición á interpretación feita pola Secretaría Xeral e a Presidencia no senso de considerar fóra das competencias do COGAMADS a emisión de informes e pronunciamentos a respeito do demandado polas nosas organizacións.

Perante a convocatoria dunha nova xuntanza do COGAMADS para o vindeiro 14 de febreiro de 2023, comprobamos novamente que na Orde do día segue sen figurar o punto sobre o debate e posicionamento deste organismo a respeito da problemática eólica reiteradamente reclamado polas nosas organizacións.

En consecuencia, persisten as circunstancias que motivaron a ausencia das nosas representantes da anterior reunión do COGAMADS polo que as organizacións asinantes comunicamos de novo á Presidencia que, por respecto ao Regulamento e aos demais membros deste organismo consultivo, ausentarémonos novamente da sesión. Asemade, acudiremos en amparo á Valedora do Pobo para que a Xunta permita aos vogais deste organismo consultivo o libre exercicio das súas competencias.

Compostela, febreiro de 2023

Asinan:

Fins Eirexas, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome de ADEGA
Xose Luis Baleato, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome da FEG
Serafín González, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome da SGHN

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal