ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Centos de persoas acudirán ás xornadas "Temos...

03-02-2023

Centos de persoas acudirán ás xornadas "Temos Alternativa" desta fin de semana en Pontevedra

A Coordinadora “Eólica Así Non”, da que fai parte ADEGA, prevé completar o aforo do Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra esta fin de semana durante o desenvolvemento das Xornadas “Temos Alternativa”. Estas xornadas, organizadas e autoxestionadas polos colectivos que conforman a Coordinadora, promóvense co obxectivo de ser un encontro entre plataformas de afectados pola invasión eólica, entidades ecoloxistas, sindicais, culturais, veciñais, comunidades de montes e especialistas no eido da enerxía, desenvolvemento territorial, protección ambiental ou paisaxística, e do dereito administrativo para encetar o camiño do deseño colectivo e social dun modelo enerxético alternativo para Galiza, xusto e sustentábel, que contrapoña o actual modelo depredador e abusivo das grandes promotoras eléctricas, apoiadas polas administracións públicas galega e estatal. 

O número de inscricións acadado ata o momento, arredor de 250, dá conta da necesidade e do interese que suscitan estas xornadas para a sociedade galega, nomeadamente, logo de que ficase patente o abandono e o desleixo dos gobernos galego e estatal diante da actual enxurrada eólica, máis preocupados por responder aos intereses das multinacionais eléctricas que en promover unha transición ecolóxica ordenada e con fins de utilidade pública. A recente aprobación de 77 declaracións de impacto ambiental favorábeis de proxectos eólicos por parte da Xunta e outras 7 por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica vén de constatar o papel que teñen reservado as administracións públicas para Galiza: ser zona de sacrificio para satisfacer as necesidades enerxéticas dos territorios hiperconsumidores, como Madrid ou outras metrópoles europeas, a pesar de que os galegos e galegas xa producimos máis enerxía eléctrica da que consumimos, exportando o 30%, e que o 75% da mesma procede de fontes renovábeis, polo que xa superamos nun 57% os obxectivos da UE en materia de renovábeis para 2030.

29 palestras sobre o actual contexto, alternativas e defensa dos recursos básicos

Precisamente na mañá do sábado, 4 de febreiro, as xornadas “Temos Alternativa” analizarán o papel de Galiza no actual contexto de transición ecolóxica e de produción eléctrica procedente de fontes renovábeis, co gallo de construír un modelo enerxético partindo do noso factor diferencial como territorio historicamente espoliado para a xeración eléctrica, baixo un modelo centralizador, desposuído de garantías ambientais e sen ningún tipo de reversión socioeconómica no pobo. O mesmo modelo sobre o que agora asentan as eólicas os seus parques industriais por terra e por mar.

O sábado pola tarde destinarase a coñecer outras formas de produción e consumo de enerxía alternativas, afastadas do oligopolio eléctrico, e máis acordes co espírito orixinal da transición ecolóxica, fundamentadas en modelos de proximidade ou de autoconsumo e comunidades enerxéticas locais. Neste senso, as comunidades veciñais de montes en man común, únicas no territorio galego, teñen un especial potencial que actualmente se atopa coartado pola falta de vontade institucional. Tamén ollaremos cara ás experiencias internacionais e outros modelos de transición que poñen o foco nos límites do crecemento.

As xornadas “Temos Alternativa” pretenden ser ademais un foro de formación ou capacitación da veciñanza e comunidades afectadas no uso de ferramentas xurídico-legais fronte a actual invasión eólica e fronte  as últimas reformas normativas, dirixidas a eliminar a avaliación ambiental nos procedementos de autorización de macro-eléctricas ou a cercenar o dereito da cidadanía á participación pública. Ademais de avaliar o contexto xurídico-legal no que se están autorizando este tipo de proxectos industriais, especialistas en economía aplicada, dereito administrativo, paisaxismo e organizacións sociais de carácter ambiental ou cultural darán conta de ferramentas e accións sociais ás que se poden recorrer para defender os nosos recusos naturais básicos, como a auga, o solo de cultivo ou a biodiversidade, da ameaza destes macroproxectos industriais.

As xornadas rematarán coa celebración dun obradoiro dirixido ao uso de ferramentas xurídico-legais fronte a depredación da macro-eléctricas para as plataformas afectadas polo espolio eólico.

Todas as charlas e mesas redondas celebraranse no Pazo da Cultura da cidade do Lérez, espazo cedido polo concello de Pontevedra.

Para inscribirse é necesario cumprimentar o seguinte formulario:  https://forms.gle/e95SFUZfM7zqi1oU7

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal