30-01-2023
Dende a delegación de Lugo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) queremos amosar a nosa preocupación ante a aprobación e autorización do Parque eólico Picato que se pretende implantar na Serra do Picato a moi pouca distancia da cidade de Lugo. Sentímonos coa responsabilidade de informar á veciñanza dos concellos de Lugo e Guntín sobre as importantes afeccións negativas que está instalación provocará sobre o medio ambiente, o patrimonio cultural, a poboación, e ás actividades produtivas e negocios existentes nestes concellos. É por iso que convocamos o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 20.30h a todas as persoas que queiran ampliar información e promover accións contra o citado proxecto a unha reunión no local de ADEGA sito na Ronda das Fontiñas 180, Ent. B, en Lugo. Desta forma damos continuidade á mesa informativa do pasado mércores 25 de xaneiro no auditorio do Vello Cárcere (na imaxe).
O Concello de Lugo debera ter informado á cidadanía e promovido a participación pública durante a tramitación deste expediente. Ademais, entendemos que tanto o Concello como a Deputación de Lugo deberían velar pola protección e conservación do Camiño de Santiago Primitivo, da Muralla Romana e da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e é por iso que dende ADEGA-Lugo solicitamos nos dean información sobre as actuacións e informes emitidos por ambas administracións.
O Parque eólico Picato inclúe, 11 aeroxeradores de 150 metros de altura, un centro de transformación e unha ampla rede viaria, entre outros, que se localizarían integramente sobre Zona Tampón da Reserva da Biosfera. O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, indica que nas zonas tampón, tamén chamadas zonas de protección de zonas núcleo, só poden ter lugar actividades compatíbeis cos obxectivos de conservación. A implantación dunha central de produción de enerxía eléctrica mediante aeroxeradores non cumpre co Plan de Xestión nin coa normativa vixente.
As principais afeccións que provocará este proxecto serán as seguintes:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal