Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG paralisa cautelarmente o terceiro parque...
19-01-2023
Non hai dous sen tres: o TSXG vén acordar por medio dun Auto con data 16 de decembro a paralización cautelar do parque eólico “Monte Toural”, tal como fixera co “Campelo” e o “Bustelo”, os tres de Greenalia. ADEGA e a PDCC (Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica) interpuxeron os correspondentes contenciosos contra as autorizacións da Xunta a estes tres parques, solicitando tamén a súa paralización cautelar. E como acontecera cos outros dous eólicos, o Tribunal dá novamente a razón ADEGA e a PDCC e acorda paralisar tamén o “Monte Toural”, en aplicación do principio de precaución e pola preminencia do medio ambiente sobre outros intereses, quer os da promotora.
Desta volta ademais, e a diferenza dos contenciosos contra os parques de “Campelo” e “Bustelo”, o TSXG non impón ningunha caución económica a ADEGA e á PDCC malia a que Greenalia solicitouno, aducindo perdas duns 12 millóns de €. Cómpre lembrar tamen que as caucións impostas no caso dos outros dous parques (10.000 € en cada caso), foron finalmente levantadas polo Tribunal ao aceptar os recusos de ADEGA e a PDCC. Ademais, o TSXG impón neste auto o pago de custas a Greenalia e á Xunta.
As consideracións das partes demandadas, Xunta e Greenalia son practicamente idénticas, e baséanse, entre outros argumentos, no interese público de desenvolver as enerxías renovábeis e na inexistencia de danos irreparábeis aos hábitats e especies afectadas. Porén, Xunta e empresa recoñecen impactos sobre hábitats (dous humidais catalogados) e especies protexidas, incluidas algunhas endémicas e en perigo de extinción (Lycopodiella inundata, Euphorbia uliginosa, e Centaurea ultreiae, entre outras).
O Tribunal destaca a necesidade de aplicar os principios de prevención e precaución pola "relevancia excepcional" do espazo natural protexido (humidal inventariado -Lagoa Alcaián- e paisaxe protexida) e das especies en perigo cocreto de extinción, "unha delas endémica e en perigo crítico", que con certeza van ser afectadas polas obras. Tamén di que a simple existencia de medidas correctoras non garante que non se vaia producir un dano irreparable.
Portanto, o Auto indica que existindo risco de dano certo e recoñecido sobre hábitats e especies se as obras se inician, imponse a necesidade de protexer este ben xurídico superior, o medio ambiente, sobre calquera outro beneficio.
Greenalia reclamaba tamén que en caso de conceder a medida cautelar, o Tribunal impuxera unha caución ás demandantes en forma de fianza económica. A empresa quería deste xeito ver compensados os gastos xa feitos e a perda dos pretendidos investimentos no proxecto que estimaba en 12 millóns de €. Porén, o TSXG dá a Greenalia e á Xunta unha nova labazada xurídica ao recoñecer que “non cabe supeditar a protección cautelar do medio ambiente á situación económica do recorrente, cando este non actúa por un interese meramente particular, senón de carácter colectivo”. ADEGA e a PDCC como entidades en defensa do interese público –o medio ambiente- teñen segundo o TSXG e a teor da xurisprudencia “unha posición relevante de tutela de intereses colectivos”. Xa que logo, non pode coartarse ese interese superior que representamos as ONGs ambientalistas coa imposición de caucións que na práctica impedirían a defensa dos intereses públicos.
Resulta obsceno que a Xunta se aliñe cos intereses particulares de determinadas empresas en lugar de defender os bens públicos, e teñamos que ser as entidades ecoloxistas e sociais as que na práctica asumamos esa función. ADEGA e a PDCC continuaremos a loita contra o espolio e a corrupción eólica e por un outro modelo máis respectuoso co ambiente e cos dereitos da cidadanía.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal