ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Lugo denuncia que o Concello agasalla...

26-12-2022

ADEGA Lugo denuncia que o Concello agasalla árbores vivas como adornos do Nadal

Estes días fomos coñecedoras da nova de que a alcaldesa Lara Méndez, xunto co edil responsábel de medio ambiente Miguel Fernández, un ano máis estaban a repartir abetos entre os comercios locais adscritos ao movemento Localmente Lucense. Segundo indican no comunicado do concello, “...Todo vai enfocado a fomentar o negocio de proximidade, facendo os establecementos máis agradables en época de Nadal cunha decoración natural e típicas destas datas, seguindo o modelo de cidade verde e sostible no que estamos a traballar”. Dende ADEGA consideramos que agasallar árbores vivas no Nadal, sen a garantía de que sexan plantadas e non rematen no lixo unhas vez rematadas as festas, non é unha práctica sustentábel en canto a pegada de carbono, nin ten que ser a área de Medio ambiente quen se faga cargo da proposta. Exiximos ao Concello transparencia e que informe da orixe e destino das árbores da campaña do ano pasado e da actual, especificando o número de árbores e os espazos naturais nos que se plantaron e se prevé plantar. Tamén solicitamos información sobre os custos económicos derivados desta actuación en ambas campañas.

A pesar de que sexa a área de medio ambiente quen asume a execución, as etiquetas que definen á nova do concello son “desenvolvemento social”, “cultura e turismo”, “programación cultural”, “desenvolvemento local”, “desenvolvemento económico”, e “economía e comercio”. É dicir, que con esta actuación o que se pretende é fomentar unha actividade económica dende a área de medio ambiente.

Instamos a que o Concello empregue os cartos de forma responsábel, e que se destinen os orzamentos da área que xestiona Miguel Fernández, a resolver os problemas ambientais acuciantes da cidade como os que xa temos denunciado en múltiples ocasións, e que afectan directamente á calidade de vida das persoas. Un exemplo é o problema das toalliñas e outros produtos de hixiene que rematan nos inodoros, que cada vez que chegan as grandes choivas, converten as marxes do río Rato nun vertedoiro, ademais estes produtos van degradando ata se converter en microplásticos que rematan na cadea trófica. A xestión dos pozos de tormenta é responsabilidade do Concello de Lugo, e polo tanto que isto siga acontecendo. Tamén, instamos ao goberno municipal a que destine fondos para a conservación e mellora do río Miño, das súas marxes, e das especies catalogadas e en perigo de extinción presentes.

Unha cidade verde non é aquela que aparenta coa axuda dunha pintura verde, corrosiva e perigosa como é a do “Greenwashing” aplicado polo Concello. Falan de cidade verde cando actúan en contra da conservación da biodiversidade e dos grandes espazos naturais que hai na contorna de Lugo, promovendo a súa destrución; a proposta de urbanización da ampliación do Ceao sobre as nacentes do río Rato, a falta de grafado de regos e regatos no PXOM, a construción dunha praia fluvial nunha zona con especies en perigo de extinción, a pretensión da construción dun barrio multiecolóxico co que expandir a cidade aínda máis, a construción da rolda leste coa que potenciar o uso do transporte privado e destruír o cinto verde da cidade...

Esta proposta do Concello é a reafirmación dunha política medioambiental desenfocada da alcaldesa, caracterizada por unha total falta de sensibilidade ecolóxica e pola continua deturpación da etiqueta “sustentábel” en proxectos con fins meramente económicos que implican un consumo de recursos, ocupan e degradan espazos con alto valor ambiental e dan as costas aos problemas ambientais presentes na cidade, que de solucionarse, melloraría a calidade ambiental da cidade e de vida das persoas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal