Inicio / Novas / Educación ambiental / Descarrega o caderno de custodia fluvial Ulla...
19-02-2014
O proxecto de Custodia Fluvial Ulla Umia Lérez é unha iniciativa que comezou no 2010 da man de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e que contou con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER. Esta iniciativa desenvolveuse no Grupo de Desenvolvemento Rural 20 (GDR20) que abrangue os concellos d´A Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga.
Durante as primeiras fases do proxecto asociacións e entidades de todo tipo participaron en diferentes actividades nos ríos dos seus concellos, nunha fase de achegamento, coñecendo os valores dos ecosistemas fluviais, así como as súas oportunidades e ameazas.
Unha vez coñecidos os ríos e aquelas asociacións con maior iniciativa presentaron propostas de proxectos a nivel local para poñer en valor os seus ecosistemas fluviais, mediante unha estratexia de conservación denominada custodia do territorio, máis especificamente neste caso Custodia Fluvial.
Os proxectos desenvolvéronse nos concellos de Cuntis, A Estrada e Forcarei e grazas a eles realizáronse multitude de actuacións: limpezas de ríos, creacións de tramos de pesca sen morte, recuperación de antigos roteiros fluviais, limpezas de lavadoiros, sinalización de rutas, eliminación de invasoras e outras actividades desenvolvidas por asociacións locais destes tres concellos.
Agora podes descargar o caderniño que recolle estas actuacións con fotografías e imaxes das actuacións realizadas e datos de cada proxecto. Esta publicación pretende servir de guía a entidades que teñan o desexo de comezar un proxecto de custodia fluvial, servíndolles como referencia e modelo.
O caderniño tamén foi editado en papel e pode solicitarse no local de ADEGA Nacional (Travesa de Basquiños 9 baixo, Santiago de Compostela, no tlf: 981 57 00 99, ou no correo lucia@adega.gal)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal