Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia á Xunta por presunta prevaricación...
25-11-2022
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de presentar denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente de A Coruña contra a anterior Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría Traba, actualmente Secretaria Xeral de Industria da Xunta, por presunta prevaricación e malversación de fondos en relación á tramitación do plan industrial asociado á asignación de megavatios para o desenvolvemento dos proxectos eólicos “Campelo” e “Lamas de Feás” de Greenalia Wind Power.
Os feitos denunciados e presuntamente constitutivos de delito teñen a ver coa resolución administrativa emitida o pasado 21 de xullo de 2021 pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais na que se dá por executado irregularmente o plan industrial ao que comprometía a asignación de potencia para os parques eólicos “Campelo” e “Lamas de Feás” no concurso eólico da Xunta de 2010. Por medio desta resolución, Paula Uría, aceptou a proposta de Greenalia de dar por executado o plan industrial, malia a diferir na súa toalidade da proposta orixinal de 2010, o que eximiu á empresa da ex-conselleira Beatriz Mato de ter que pagar preto de 12.000.000 de euros á Facenda pública.
Paradoxalmente, a organización ecoloxista ADEGA tivo coñecemento do contido desta resolución administrativa a partir da documentación achegada pola representación letrada da promotora Greenalia Wind Power Campelo, no procedemento de impugnación da admisión de medidas cautelares do proxecto Campelo outorgadas recentemente pola Sala Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a petición de ADEGA e da Plataforma para la defensa de la Cordillera Cantábrica.
Ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010, pola que se rexeu o concurso eólico do PP para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos de Galiza, Kaekias Eólica S.A. acadou a asignación de 75MW para desenvolver os parques eólicos “Campelo” e “Lamas de Feás” baixo o compromiso de executar a maiores un plan industrial específico, ou de monetarizalo nun importe económico que tería que ser depositado no fondo capital-risco (SOGIGA) do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no prazo dun mes desde a posta en funcionamento dos parques eólicos. Así, Kaekias Eólica S.A. decide non executar o plan industrial e monetarizalo en 11.721.971 euros, cantidade que tería que ingresar na Facenda Pública unha vez que os proxectos eólicos vinculados entrasen en funcionamento.
En 2016 o Grupo Greenalia absorve a empresa Kaekias Eólica S. A. pasando a ser da súa titularidade os proxectos eólicos “Campelo” e “Lamas de Feás”, así como os compromisos vinculados a ambos proxectos. Tres anos despois, en novembro de 2019, Greenalia presenta na Xunta unha proposta de modificación do plan industrial ligado a ambos parques na que opta por facer efectiva a execución do plan industrial no canto de ingresar preto de 12.000.000 de euros nas arcas públicas. Porén, o plan industrial incorporado na proposta de modificación de Greenalia nada tiña a ver co plan industrial comprometido por Kaekias Eólica S.A. no concurso eólico de 2010, que consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets. Greenalia solicitou en 2019 que se tivese por executado tal plan industrial en base ao desenvolvemento de tres das súas actividades entre os anos 2015 e 2019: un negocio hoteleiro, un proxecto de buque para a exportación do sector forestal e un proxecto de xestión de biomasa.
Por tanto, ningunha destas actuacións foi valorada durante o concurso eólico de 2010 para a adxudicación de megavatios eólicos, tal e como se recoñece na propria Resolución do 21 de xullo de 2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética: “a comisión [de seguimento] comproba que a empresa solicita cambiar de monetarizar a executar un novo plan industrial con novas actuacións non valoradas durante o concurso de 2010”.
Alén de que ao abeiro da regulación do concurso eólico de 2010 non tiña cabida legal unha modificación do proxecto industrial como a referida, ADEGA denuncia a especial gravidade que se deriva de que o proxecto se teña dado por executado, creando así un perigoso precedente. A asociación ecoloxista alerta de que unha situación semellante se poida dar cos outros parques eólicos que tiveran a súa orixe na convocatoria de 2010 e que aínda se atopen en tramitación, coa conseguinte lesión que isto suporía para a Facenda pública.
Hai que salientar ademais o feito de que diversas sociedades do Grupo Greenalia cuxa actividade se centra na xestión da biomasa -actividade invocada pola empresa en desenvolvemento do plan industrial do PE Campelo e PE Lamas de Feás- obtiveron financiamento da Xunta de Galicia pola vía de concesión de axudas públicas e mesmo dun préstamo de 1.000.000 de euros. Isto significa que a Resolución da dirección xeral de planificación enerxética denunciada na Fiscalía non só tería dado por executado irregularmente o proxecto industrial de referencia, senón que ademais teríao dado por executado en base a determinadas actividades para cuxo desenvolvemento o Grupo Greenalia obtivo axudas públicas.
Ante estes feitos, ADEGA invoca ao Ministerio Fiscal para que investigue a posible concorrencia dun delito de prevaricación en concurso con outro de malversación por parte da titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais en xullo de 2021. Ao tempo, anuncia que requirirá á Xunta información sobre o estado de execución dos distintos plans industriais comprometidos no concurso eólico de 2010 pola potencia adxudicada a proxectos eólicos que hoxe en día se atopan en tramitación.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal