ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta modifica ilegalmente o Plano Director da...

23-11-2022

A Xunta modifica ilegalmente o Plano Director da Rede Natura 2000 para saltarse os trámites de consulta e participación pública

O proxecto de lei de orzamentos de 2023 inclúe entre as medidas administrativas da “lei de acompañamento” unha profunda modificación do Plano Director da Rede Natura 2000. Este plano, aprobado polo Decreto 37/2014 e segundo esta norma, ten a consideración de PORN (Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais) e a súa modificación debera someterse a un procedemento de información pública e contar cos informes preceitivos de diversos organismos consultivos.

A modificación deste Plano Director que propón a Xunta através do subterfuxio da “lei de acompañamento” non só furta a participación pública da cidadanía, concellos, colectivos sociais e universidades, senón que incumpre diversos preceitos legais que o propio Decreto 37/2014 do Plano Director menciona:

Incumprimento Lei 5/2019 do patrimonio natural e da biodiversidade de Galiza

A respeito dos PORN (Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais), documento ao que se asimila o Plano Director segundo o establecido na súa exposición de motivos, o artigo 54 da Lei 5/2019 di o seguinte:

Artigo 54. Vixencia, revisión e modificación dos plans de ordenación dos recursos naturais
... 2. Se a revisión dá lugar a unha modificación substancial do plan de ordenación dos recursos naturais, esta realizarase conforme o procedemento previsto para a súa aprobación.
3. Pola súa parte, se a revisión dá lugar a unha modificación non substancial do plan de ordenación dos recursos naturais, esta realizarase por medio dunha orde da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de a someter aos trámites de información pública e de audiencia á correspondente xunta reitora e ás persoas interesadas.

Deste xeito, calquera modificación (substancial ou non) deberia someterse, como mínimo, a un procedemento de información pública, que neste caso non se da.

Incumprimento da Lei 21/2013 de avaliación ambiental (Estado)

O Plano Director da Rede Natura 2000 é un plano ou programa de obrigada elaboración por parte das administracións, polo que está suxeito ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. O documento vixente e aprobado en 2014 foi sometido a dito procedemento, en cumprimento da Directiva 2001/42/CE, transposta ao estado na Lei 21/2013. O artigo 6 desta norma di o seguinte:

Artigo 6. Ámbito de aplicación da avaliación ambiental estratéxica.
1. Serán obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica ordinaria os planos e programas, así como as súas modificacións, que se adopten ou aproben por unha Administración pública e cuxa elaboración e aprobación veña esixida por unha disposición legal ou regulamentaria ou por acordo do Consello de Ministros ou do Consello de Goberno dunha comunidade autónoma, cando:
... b) Requiran unha avaliación por afectaren a espazos Rede Natura 2000 nos termos previstos na Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Incumprimento da Lei 27/2006 de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente

Dase a circunstancia que o propio Decreto 37/2014 do Plano Director tanto na exposición como na disposicion derradeira terceira, menciona explicitamente a Lei 27/2006 no seu Título III, artigo 16, para o procedemento de aprobación e revisión:

Artigo 16. Participación do público na elaboración de determinados planos, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co medio ambiente.
1. Para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos planos, programas o disposicións de carácter xeral relacionados co medio ambiente aos que se refiren os artigos 17 e 18 desta Lei, as Administracións Públicas, ao establecer ou tramitar os procedementos que resulten de aplicación, velarán porque, de conformidade co disposto no apartado 2 do presente artículo:
a) Se informe ao público, mediante avisos públicos ou outros medios axeitados, como os electrónicos, cando se dispoña deles, sobre calquera propostas de planos, programas ou disposicións de carácter xeral, ou, no seu caso, da súa modificación ou revisión, e porque a información pertinente sobre ditas propostas sexa intelixíbel e se poña a disposición do público, incluída a relativa ao dereito á participación nos procesos decisorios e á Administración pública competente á que poden presentarse comentarios ou formular alegacións.

ADEGA advirte á Xunta que as modificacións que se pretenden introducir no Decreto 37/2014 polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galiza e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000, através das “medidas administrativas” da “Lei de acompañamento” dos orzamentos de 2023, poderían ser causa de impugnación da norma que se modifica ou mesmo do propio Proxecto de Lei de Orzamentos.
Á marxe do contido (fondo) das modificacións que se pretenden introducir no dito Plano Director, que por certo carecen de fundamentación científica e desoen os requerimentos da CE, o espúreo método escollido pola Xunta é ilegal e resposta á intención da administración galega de eliminar a participación do público, os concellos e as universidades. Este proceder dá a medida do desleixo da Xunta pola xestión dos nosos espazos protexidos e do seu deprezo polas normas legais, anomalías democráticas fronte ás que ADEGA non pode ficar impasíbel.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal