25-10-2022
Malia a que en xuño de 2021 o Estado aprobou unha moratoria para a admisión a trámite de novos parques eólicos mariños, outra instalación "Galwind" de 1000 MW vén de iniciar o seu percorrido administrativo, e xa non é a primeira nin semella que sexa a última...
Para evitar unha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvento racional do sector eólico no mar, aínda pendente de ordenamento, diversas organizacións participantes na "Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" solicitamos ao Ministerio unha moratoria mentres non se aprobe o POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) así como un regulamento propio para a produción de electricidade no mar.
O Estado accedeu no verán de 2021 a introducir, através dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga, o "Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua", unha disposición adicional terceira con este texto:
Disposición adicional terceira. Solicitudes de autorización administrativa de instalacións presentadas ao abeiro do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial
Porén, dende aquela iniciaron a tramitación administrativa cando menos dous parques eólicos mariños, o "Nordés", de 1200 MW e agora o "Galwind" de 1000 MW, ambos os dous na fase de consultas previas para a elaboración do documento de alcance. Malia a que a solicitude de elaboración do documento de alcance é potestativa para as promotoras, na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental (arts. 33 e 34) considérase que este documento é parte dos trámites da avaliación de impacto ambiental ordinaria e precisa da emisión dun ditame administrativo. E o trámite ambiental ao que da inicio o documento de alcance é unha parte imprescindíbel da solicitude de autorización administrativa destas instalacións, afectada pola moratoria.
Porén, as promotoras seguen a enviar á administración os seus proxectos para, semella, ir "adiantando trámites" en contra desta moradoria decretada en xuño de 2021, nun exercicio de filibusterismo eólico que conta coa comenencia administrativa.
E isto é o verdadeiramente grave: que o Estado, contravindo a súa propia norma, está a comprometer tempo e recursos públicos en tramitar os documentos de alcance destes proxectos, en troques de presentar xa unha planificación e aprobar as normas precisas para o desenvolvemento sustentábel do sector.
ADEGA esixe á administración do Estado que desbote tramitar tanto o proxecto "Galwind" como calquera outra instalación eólica no mar de Galiza, mentres non aprobe o POEM e un marco normativo específico para o sector.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal