ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Ultreia!: A paralización cautelar do Parque...

26-10-2022

Ultreia!: A paralización cautelar do Parque Eólico Campelo xa é efectiva!

ADEGA anuncia a berro de "Ultreia!" que a paralización cautelar do proxecto eólico Campelo de Greenalia vén de facerse efectiva, grazas á colaboración cidadá!

Arestora, o total das achegas recibidas a través da campaña de recadación solidaria "Ti podes paralos!", lanzada por ADEGA o pasado 21 de outubro, xa acada o importe de 13.492 euros! Polo tanto, ao teren sido superados os 10.000 euros de recadación, xa estamos en disposición de confirmar que, entre todas, vimos de acadar un fito histórico!: facer efectiva a paralización cautelar do Parque eólico Campelo, un dos tres proxectos eólicos promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco, Carballo e Tordoia, que foron recorridos por ADEGA e a PDCC o pasado mes de xaneiro na Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Grazas á solidariedade colectiva, conseguimos reunir o importe necesario (10.000 euros) para poder sufragar a caución esixida no Auto do 19 de setembro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para conquerir a suspensión cautelar efectiva do parque eólico Campelo, logo de que esta fose acollida polo Tribunal á petición de ADEGA e da PDCC. 

Trátase dun fito histórico na Galiza, non só por ter sido conquerido a través da vontade popular e en tempo récord, senón tamén por constituír a primeira paralización cautelar dun proxecto eólico antes de teña iniciado as súas obras. Este feito confire unha vantaxe fronte a casos precedentes de paralización cautelar ou de anulación nos que os proxectos eólicos xa estaban a medio construír (PE Serra do Iribio) ou en funcioamento (PE Sasdónigas, PE Corme repotenciación). 

Neste caso, o parque eólico de Campelo non poderá executarse, polo menos, mentres dure o procedemento xudicial aberto no TSXG polo recurso contencioso-administrativo presentado por ADEGA e a PDCC contra a autorización deste proxecto, o que evitará que se produzan potenciais danos irreparables de carácter ambiental, patrimonial ou social nas zonas de afección, e chegado o caso, posibles tentativas de aplicación da política dos feitos consumados.

Este primeiro éxito da campaña "Ti podes paralos!" é unha mostra clara do amplo rexeitamento social que suscita o actual modelo eólico da Xunta, e unha evidente chamada de atención sobre a capacidade da sociedade galega para defender a súa terra da especulación do capitalismo e do espolio eólico.

PE Campelo, o de maior afección á Lagoa de Alcaián

O parque eólico Campelo, xunto cos parques eólicos Bustelo e Monte Toural, foron declarados como "proxectos de interese especial" no Consello da Xunta de maio de 2018, cando aínda Beatriz Mato, actual conselleira executiva da promotora Greenalia, exercía no cargo de Conselleira de Medio Ambiente no goberno de Núñez Feijóo.

Os tres parques sitúanse nunha mesma área xeográfica e partillan accesos, liñas de evacuación de estación transformadora, constituíndo un claro exemplo de fragmentación artificiosa. Por este motivo, ademais de por ter reducido irregularmente os prazos de consulta pública e afectar a valores ambientalmente únicos da zona, ADEGA e a Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) recorreron a autorización dos tres proxectos en vía contencioso-administrativa diante do Tribunal Superior de Xustiza o pasado mes de xaneiro, e con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica. Paralelamente, as entidades recorrentes solicitamos a suspensión cautelar dos proxectos, que no caso de Campelo, foi acollida polo TSXG no Auto do 19 de setembro, aínda que condicionada ao depósito dunha caución ou aval de 10.000 euros, requirimento que vén de ser acadado grazas á colaboración cidadá!

O parque eólico Campelo, dos tres proxectos recorridos na Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, é o que ten a poligonal de maior superficie e a que afecta en maior grao a Lagoa de Alcaián, zona húmida proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada na ampliación da Rede Natura 2000. Tamén é un dos que ofrece maior impacto sobre o endemismo botánico da zona, Centaurea ultreiae, unha planta catalogada "en perigo crítico de extinción" cuxa única poboación mundial (uns 6.800 individuos) se atopa na zona de implantación destes proxectos.

Así pois, a paralización cautelar efectiva do parque eólico Campelo resulta moi significativa de cara a preservar a conservación deste semblemático humidal galego e do hábitat e os escasos exemplares dunha planta única no mundo. De aí que nos inspiremos nela, Ultreia! (en latín "Adiante!", "Imos máis aló!"), para anunciar o noso logro colectivo e darnos azos para continuar na loita.

Só 6.500 euros máis para efectivizar a paralización cautelar do PE Bustelo!

Así pois, Ultreia!, vaiamos máis aló!, pois o reto marcado ata o día 1 de novembro é o de acadar outros euros 6.508 euros, para conseguirmos facer efectiva a paralización cautelar doutro dos proxectos eólicos de Greenalia, proxectados arredor da Lagoa de Alcaián, o parque eólico Bustelo. Para conquerir este novo reto temos de prazo ata o vindeiro martes, día 1 de novembro.

Se non o fixeches aínda, colabora coa túa doazón ou préstamo.

Máis información: https://tipodesparalos.adega.gal 

O noso máis profundo agradecemento a todas as persoas, entidades, colectivos e plataformas que estades a contribuír coas vosas achegas á causa! Xuntas venceremos!

Difundide!

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal