ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Mesa informativa en Santa Comba sobre os parques...

19-10-2022

Mesa informativa en Santa Comba sobre os parques eólicos de Greenalia paralizados cautelarmente polo TSXG

ADEGA e a Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural convocan á sociedade galega en, xeral, e á veciñanza afectada por estes parques eólicos, en particular, a un acto informativo que terá lugar mañá xoves, 20 de outubro, ás 20:30 horas no Edificio Multuisos de Santa Comba.

O obxectivo deste acto público será ofrecer información sobre os potenciais impactos sociais e ambientais destes tres proxectos de Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia, e dar conta da actual situación xurídico-legal pola que arestora atravesan, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretase recentemente a paralización cautelar de dous deles (Campelo e Bustelo), á petición das entidades ecoloxistas recorrentes, ADEGA e PDCC.

Neste acto, tamén se dará o pistoletazo de saída da campaña de crowfunding “Ti podes paralos!” que promove ADEGA para acadar, a través da recadación colectiva e solidaria, o importe necesario de caución que impón o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para facer efectivas as paralizacións cautelares dos dous proxectos. Así pois, para conquerir a paralización cautelar dos parques eólicos Bustelo e Campelo, o TSXG esixe ás entidades recorrentes o depósito de 20.000 euros  (10.000 euros por proxecto) antes do vindeiro 1 de novembro.

O Tribunal xustifica esta esixencia de caución para “responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar”.

Mesa informativa Como paralos?!

A mesa informativa titulada  “Como paralos?!” terá lugar mañá xoves, ás 20:30 horas, no Edificio multiusos Terra de Xallas, sito no municipio de Santa Comba, e contará coas intervencións de:  

  • Un membro da Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural
  • Leandro del Río, técnico de Salvemos a Comarca de Ordes
  • Fernando de Abel Vilela, xurista e membro da directiva de ADEGA
  • Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA  

Haberá espazo para que  público asistente formule as súas dúbidas e consultas aos técnicos e xuristas presentes.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal