ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA promove a catalogación e inventario de...

22-09-2022

ADEGA promove a catalogación e inventario de humidais para dotalos de protección

O Inventario de Humidais e as zonas protexidas no Plano Hidrolóxico son dúas ferramentas útiles para preservar da degradación as áreas húmidas galegas, ameazadas por infraestruturas e eólicos. ADEGA promove o coñecemento e catalogación destes espazos por veces esquecidos polas administracións e que a miúdo rematan degradados por eólicos, canteiras, eucaliptos...

Foi por iniciativa de ADEGA que finalmente os Planos Hidrolóxicos tando da bacía Galiza-Costa como da MIño-Sil incorporaran ao catálogo de zonas protexidas a listaxe completa do Inventario dos Humidais de Galiza elaborada polo IBADER en 2003. Este feito suporá, dende a publicación das respeitivas normas no DOG e BOE, a protección automática de máis de 1100 humidais galegos. Porén, no país dos 10.000 ríos hai moitas outras zonas húmidas que fican aínda sen catalogar. Interesar o seu coñecemento e protección é o obxectivo de iniciativas como a que presentamos hoxe.

A Braña da Calzada, ameazada polos parques eólicos Lagoa I e II

É o caso da extraordinaria Braña da Calzada, non concellos de Zas e Santa Comba. Este humidal non figura recollido no Inventario de Humidais de Galiza (Ramil-Rego, P. & Izco, J. 2003), regulamentado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia; nen tampouco aparece na listaxe de zonas protexidas na actualización do Plano Hidrolóxico da demarcación Galiza-Costa para o ciclo 2021-2027.

A Braña da Calzada é un ecosistema húmido dunhas 18 hectáreas nun bo estado de conservación. Trátase dunha cubeta de posíbel orixe periglaciar dunhas 18 hectáreas de extensión e moi baixa pendente (<1%) cara o surleste drenada polo rego de Cícere, afluente do García que verte as augas ao Xallas. É unha área permanentemente encharcada con vexetación herbácea e arbustiva e orla arbórea perimetral parcial. A superficie da braña está claramente delimidada por viais, pistas forestais e fincas agrícolas. Arestora a Braña da Calzada está ameazada polos tendidos eléctricos de evacuación (LAT) dos parques eólicos Lagoa I e II.

Unha boa representación de hábitats prioritarios e especies de interese

O Inventario Nacional de Hábitats Terrestres sinala a presenza, coincidente coa superficie da braña, dos seguintes hábitats:
-Código 302018: Breixeira hidromorfa termomesotemperado galaicoportuguesa; cod. UE 4020* Breixeira húmida atlántica de zona temperada de Erica ciliaris e Erica tetralix, prioritario. Alianza Genistion micranthoanglicae Rivas- Martínez 1979.
-Código 302021: Breixeira-toxeira meso-higrófila galega; cod. UE 4020* (Breixeira húmida atlántica de zona temperada de Erica ciliaris e Erica tetralix; prioritario).
-Código 303049: Breixeira-toxeira mesoxerófila termomesotemperado galaicoportuguesa; cod. UE 4030 Breixeiras secas europeas. Alianza Daboecion cantabricae Dupont ex Rivas- Martínez 1979) Rivas-Martínez, Fernández- González & Loidi 1999.

Nunha visita realizada en xuño pasado realizouse un inventario botánico que localizou 63 especies na braña, algunhas delas catalogadas pola IUCN (Unión Internacional para aConservación da Natureza) como "case ameazadas":  Carex durieui, Centaurea corcubionensis Genista berberidea.

Á braña da Calzada uniránselle en breve os humidais do monte da Ruña, en Mazaricos, tamén sen protección e ameazados desta volta por unha central hidráulica de bombeo. A intención é incorporar ás diversas figuras de protección pequenas áreas húmidas mais dunha grande importancia para a preservación dos servizos ecosistémicos e a loita contra a mudanza climática.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal