ADEGA

Inicio / Buscador / A Comisión Europea comprométese a estudar as...

31-08-2022

A Comisión Europea comprométese a estudar as denuncias presentadas por ADEGA polo incumprimento de varias directivas europeas na actual vaga eólica

ADEGA e a representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, reuníronse hoxe en Bruxelas co Xefe da unidade de Conservación da Natureza da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Nicola Notaro, e o seu equipo legal, para trasladar dúas denuncias e un completo informe xurídico sobre a evolución do desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza.

A organización ecoloxista apelou ao organismo europeo a frear a vulneración sistemática do dereito comunitario por parte dos gobernos da Xunta e do Estado español en materia ambiental e de información, acceso e participación pública e abrir o oportuno procedemento de infracción. Notaro comprometeuse a estudar a fondo as denuncias presentadas así como abrir un diálogo co goberno español ao respecto, sobre o que darán conta previsiblemente en outono.

Así mesmo, a organización ecoloxista galega compartiu coa Comisión Europea as razóns que están a motivar a crecente oposición social fronte ao actual modelo de enerxías renovables, e que se puxo de manifesto nas masivas mobilizacións convocadas pola Coordinadora Eólica Así Non nos dous últimos anos en Galiza. A secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, trasladou aos membros da Comisión as reivindicacións que fai a Coordinadora Eólica Así Non a prol dun cambio radical do modelo enerxético que rache coa situación de espolio, depredación ambiental e de abuso social que Galiza sufriu historicamente e revive na actualidade co gallo da actual vaga eólica. “A Comisión Europea non pode eludir que a actual exurrada eólica imposta pola Xunta e o Estado está a incumprir o dereito comunitario”, asegurou Belén Rodríguez.

Pola súa banda, a europarlamentaria Ana Miranda, considera que a vulneración sistemática das directivas europeas en materia de participación cidadá e de medioambiente “é un problema estrutural” e comprometeuse a “facer un seguimento exhaustivo dos procedementos que se deriven desta xuntanza e das denuncias presentadas ante Comisión Europea”.

Incumprimento de directivas europeas en materia ambiental

Nesta reunión, o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas apuntou ao incumprimento da Directiva de Avaliación Ambiental Estratéxica 2001/42/CE e das súas trasposicións ao ordenamento xurídico español por parte do vixente Plan Sectorial Eólico de Galiza. Este anacrónico documento, aprobado en 1997 e reformado en 2002, non se someteu a avaliación ambiental estratéxica nin a consulta pública, polo que non dispón nin de aval ambiental nin social, o que deriva hoxe en día nun desenvolvemento caótico e insustentábel da enerxía eólica.

Eirexas tamén falou do impacto que a actual vaga eólica pode carrexar para a conservación de hábitats e especies de interese e prioritarios para a UE e que son chave para frear a perda de biodiversidade e afrontar con resiliencia o quecemento global. Neste senso, atinxiu ao incumprimento dos gobernos da Directiva Hábitats (92/43/CEE) e da Directiva de Aves (2009/147/CE), ao non querer ampliar a exigua Rede Natura galega (apenas o 11,6% do territorio continental), para favorecer a empresas con fins especulativos e lucrativos, como é o caso das eólicas.

Outra das normas europeas vulnerada na vaga eólica polas administracións galega e estatal é a Directiva Marco da Auga (2000/60/CE). A maior parte das masas de agua e áreas higrófilas inventariadas en Galiza desde o ano 2003 non están protexidas. Das máis de 1000 zonas húmidas rexistradas, só 5 están protexidas e incluídas na lista do Convenio Ramsar. Porén, boa parte das instalacións eólicas se proxectan sobre brañas, turbeiras, lagoas, matogueiras higrófilas ou nacentes de ríos e regatos que provocarán a fragmentación, alteración e desecación destes hábitats así como a aparición de procesos erosivos.

Incumprimento das directivas europeas en materia de participación pública

O catedrático en dereito administrativo e vogal de dereito de ADEGA, Fernando de Abel Vilela, encargouse de explicar aos funcionarios europeos, cales están a ser os incumprimentos do dereito comunitario en materia de información, acceso e participación pública. Sinalou a vulneración constante da Directiva 2003/4/CE de información ambiental e do Convenio de Aarhus por parte da Xunta de Galicia a través da simplificación administrativa, a cal leva aparellada a merma dos dereitos de participación pública en materia medioambiental nos procedementos de autorización de novos proxectos eólicos. Así, criticou a absoluta discrecionalidade da Xunta á hora de declarar proxectos enerxéticos de especial interese, a redución de prazos de tramitación e o solapamento dos procedementos de información pública cos trámites de evacuación de informes, o impide á cidadanía participar no proceso de consulta pública coas mínimas garantías.

O xurista tamén cargou contra o goberno do Estado español, que a través do Real Decreto-Lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, suspende temporalmente a aplicación da lei de avaliación estatal de certos proxectos de enerxías renovables, para os que elimina o trámite de información e participación pública. Para ADEGA estas disposicións supoñen unha regresión sen precedentes na regulación ambiental absolutamente inxustificada.

Fernando De Abel Vilela tamén chamou a atención sobre a “normalización” e extensión da práctica da fragmentación de proxectos co gallo de esquivar a avaliación ambiental global do proxecto, que alén de ser un fraude de lei, vulnera a Directiva 2011/92/UE. “Actualmente existen tres sentenzas do TSXG, dúas delas ratificadas polo Supremo, que declaran abertamente a infracción do dereito comunitario”, dixo, entre outras, sinalou a recente sentenza do TSXG que anula o parque eólico Sasdónigas de Mondoñedo por ser un proxecto artificialmente fragmentado en dúas fases.

Ambas denuncias recollen ducias de supostos prácticos recollidos por ADEGA e a través da Coordinadora Eólica Así Non que exemplifican e proban os argumentos xurídicos esgrimidos diante da Comisión Europea.

Informe sobre a planificación e desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza

Os representantes de ADEGA tamén aproveitaron este encontro para facer entrega do informe titulado “Planificación e desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza: Análise da normativa europea aplicable e repercusións sociais e ambientais”. Como os teu título indica, este informe elaborado por ADEGA fai un repaso e analiza a evolución histórica xurídica-legal do desenvolvemento do sector eólico en Galiza, desde os anos 80 até o día de hoxe. Este proceso, que se iniciou ao marxe de calquera planificación e regulación, caracterizouse seguidamente por favorecer unicamente aos intereses dos operadores eólicos á custa de recurtar dereitos da cidadanía e incumprir as directivas europeas, téndose disparado a especulación e a inseguridade xurídica a partir do ano 2018, segundo apuntou De Abel Vilela. Só en 2007 se puxo algo de couto coa prohibición da colocación de parques eólicos en espazos naturais protexidos como Rede Natura. Unha protección que hoxe só atinxe ao 12% do territorio galego, ficando o outro 88% á disposición das promotoras eólicas.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal