ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Goberno español e Xunta póñense a carón de ALTRI...

29-07-2022

Goberno español e Xunta póñense a carón de ALTRI e do lobby eucalipteiro, contra a natureza galega

Santolina e Leucanthemum na fnca de Altri. Cromo: Fins Eirexas

Logo da xuntanza deste xoves pasado mantida na Moncloa polo presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, co seu homólogo do Goberno de España Pedro Sánchez, a prensa recolle con grandes titulares a "vía libre" do goberno español á asignación de 700 millóns de euros dos fondos Next Generation ao macroproxecto da multinacional pasteira portuguesa ALTRI en Palas de Rei.

Esta nova chega case tres meses despois do comunicado conxunto de ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía), o Grupo Naturalista Hábitat, a AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio) e a FEG (Federación Ecoloxista Galega) en contra da instalación desta planta do tecido Lyocell, fabricado con fibras de eucalipto (ver).

As dúbidas non só se disiparon neste impás, senón que ficou claro que macroproxectos como o de ALTRI son inviables no contexto actual de secas recorrentes, e onde o consumo de auga da industria non está garantido, como está a acontecer con ENCE en Pontevedra. Por se fora pouco, a eucaliptización masiva da Galiza interior que conlevaría a instalación de ALTRI é contraria aos propios fondos Next Generation, unha vez que a súa "Compoñente 4", titulada "Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade", ten como preceptos precisamente conservar os valores naturais existentes, restaurar e rehabilitar ecosistemas degradados e, tamén, o non causar danos á natureza por parte dos proxectos subvencionados (principio "Do not significant harm") (ver un documento do propio goberno español).

Subliñar que a área de implantación da factoría (nada menos que 122 hectáreas) acolle hábitats únicos e especies endémicas galegas. Ademais a parcela acolle ao menos oito especies consideradas en perigo de extinción en España, media ducia consideradas vulnerables en Galiza, e até 17 especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da Unión Europea.

Por se isto non fora suficiente para rexeitar esta fatoría de lyocell no corazón da Galiza, dentro da parcela escollida aparecen catro especies endémicas e exclusivas (a nivel mundial) dos afloramentos serpentiníticos da área de Melide: a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi), a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum), a santolina de Melide (Santolina melidensis) e a centáurea galega (Centaurea gallaecica).

O goberno español recoñece por unha banda que os fondos Next Generation non deben causar dano ecolóxico e, por outro, dá luz verde a este proxecto, bendicido tamén pola Xunta, e absolutamente lestivo co medio natural da comarca da Ulloa, ignorando o berro unitario dos colectivos ambientalistas galegos, apoiado con datos científicos incontestábeis.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal