ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Finalizan con éxito os cursos técnicos de...

04-07-2022

Finalizan con éxito os cursos técnicos de compostaxe impartidos por ADEGA en Ames e Moaña.

A Asociación ecoloxista ADEGA realizou durante os meses de maio e xuño a formación denominada “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada” para o emprego dentro do Programa Empleaverde, que rematou os días 7 e 30 de xuño en Ames e Moaña, respectivamente.

Esta formación técnica, de balde e dirixida a persoas en situación de desemprego, contou cunha alta participación nos dous concellos, conseguindo formar e capacitar ao longo dos últimos meses a máis de 30 profesionais en compostaxe.

O obxectivo das accións formativas foi dotar ao alumnado dunha visión completa sobre a problemática actual dos residuos, capacitando a profesionais no proceso e técnicas de compostaxe, que coñezan e determinen a calidade e usos do compost, así como a adquisición de habilidades específicas para implementar unha educación ambiental de calidade.

Contidos e capacitación do curso

Cada curso tivo unha duración de 100 horas presenciais, impartidas en sesións teóricas e prácticas nas se promoveu a compostaxe como xestión sustentable dos biorresiduos, sempre a través de técnicas de aprendizaxe activa, favorecendo o desenvolvemento integral do alumnado dende unha perspectiva ampla.

Así, durante a formación, realizáronse diferentes actividades relacionadas coa xeración, tipoloxía e separación en orixe dos residuos, co proceso e as técnicas de compostaxe, coa implantación de proxectos de compostaxe e actividades de deseño, execución e avaliación de campañas de divulgación e sensibilización ambiental.
Na parte práctica, o alumnado realizou diversas actividades, tales como montaxe de composteiros, fabricación de peneiras para o cribado do produto final e test de xerminación, así como operacións de mantemento, medición de parámetros e toma de datos nos composteiros comunitarios do programa de compostaxe escolar do CEIP de Barouta en Ames e, no caso de Moaña, nas 11 áreas de compostaxe comunitaria implantadas na vila.

Unha das saídas realizadas foi a visita a unha iniciativa empresarial de compostaxe como é a planta de substratos e fertilizantes orgánicos Ecocelta, na que tanto o xerente Sergio Quiroga como a directora comercial Bárbara Álvarez, explicaron o seu funcionamento, as características dos residuos que reciben, o proceso de compostaxe en pilas e da vermicompostaxe e finalmente a obtención do produto para a venta, envasado e etiquetado.

Os cursos finalizaron cun acto de clausura que tivo lugar en Ames, na Aula da Natureza e, en Moaña no Padroado Municipal Beiramar, ambos espazos cedidos polos respectivos concellos. Nesta xornada, tanto o alumnado como o persoal docente de ADEGA puideron gozar dun derradeiro día moi especial no que compartiron experiencias e reflexións sobre os principais retos de futuro, así como diferentes obradoiros de reciclaxe e compostaxe, petiscos e finalmente a entrega dos certificados de mestría en compostaxe a todo o alumnado, emitidos pola coordinadora Composta en Red.

Para ADEGA resulta moi satisfactorio comprobar que esta formación xa está facilitando a inserción laboral do alumnado, xa que algúns dos participantes xa acadaron traballo grazas a ter realizado este curso.

Boa acollida polos concellos de Ames e Moaña

Os dous cursos de ADEGA contaron coa boa acollida dos concellos de Ames e Moaña, que cederon as instalacións para a realización dos cursos. No inicio do curso en Ames, o concelleiro e a técnica de Medio Ambiente, Manuel Lens e Patricia Reboreda, xa prognosticaban e desexaban un curso de proveito con moitas oportunidades e posibilidades de emprego verde e de futuro.

No balance final do curso en Moaña, tanto o concelleiro de Medio Ambiente como a alcaldesa, Odilo Barreiro e Leticia Santos, amosáronse moi positivas por como se desenvolveu o curso e a boa aceptación que tivo por parte das persoas. De feito, en ambos os dous casos completáronse todas as prazas dispoñibles, á vez que se ofreceu un servizo de calidade a través dunhas boas instalacións e persoal técnico cualificado.

Continuidade do programa formativo e agradecemento

No segundo semestre de ano desenvolveranse outros dous cursos técnicos de compostaxe descentralizada, agardando unha exitosa acollida como a que tiveron os xa realizados.

Dende ADEGA queremos amosar o noso agradecemento a todas as persoas participantes polo seu compromiso e implicación persoal ao longo do curso, así como aos Concellos de Ames e Moaña pola súa boa disposición.

Este proxecto está subvencionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Todas as accións desenvoltas neste curso son gratuítas para as persoas participantes ao estaren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020, para conseguir formación e un emprego de calidade.

Calquera persoa interesada nestes cursos, que estea en situación de desemprego, pode poñerse en contacto con ADEGA no correo electrónico compostaxe@adega.gal

Para máis información:
Correo electrónico: compostaxe@adega.gal
Teléfono de contacto: 628 378 804 (María Amigo)

“Acción gratuíta cofinanciada polo FSE”. “Conseguir formación e un emprego de calidade”

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal