ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Revista Cerna asómase a unha Galiza de...

21-06-2022

A Revista Cerna asómase a unha Galiza de eucaliptos e eólicos

A última edición da Revista CERNA está marcada de novo pola reivindicación social e ecoloxista ante os actuais proxectos de agresión ao noso territorio. A vaga eólica segue a centrar boa parte dos contidos da publicación de medio ambiente e ecoloxía de Galiza, ofrecendo un segundo especial sobre a esta cuestión. Nesta ocasión, dous colectivos afectados ben distantes xeograficamente entre si, da Baña e da Ribeira Sacra, toman a voz para debullar a situación que están a afrontar así como os riscos que supón a implantación eólica para o seu territorio. Doutra banda, xuristas ofrecen a súa visión e dan algunhas das claves para facer fronte á eólica desde o ámbito legal. Por último, preséntanse moi brevemente algunhas das exposicións dos especialistas que participaron no ciclo de mesas redondas sobre os impactos da eólica na Galiza, organizado por ADEGA na primavera de 2021, e no que se deron Ernesto Díaz da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica ou a paleontóloga Aurora Grandal, entre outras.

Non deixamos de abordar outros vectores da realidade ambiental galega, tales como o monte e o forestal, con dous interesantes artigos, o primeiro do economista Marcelino Fernández Mallo e un segundo de Antón Fernández Piñeiro. Mallo desmonta cunha ampla exposición de de datos e propósito construtivo as falacias construídas arredor do eucalipto e a súa suposta rendibilidade económica. Unha ollada integral que ofrece alternativas a través da comparativa con outro tipo de plantacións e cultivos posibles. No segundo artigo, Fernández afonda na problemática ambiental derivada dos eucaliptos en Galiza a través da literatura científica existente. Na procura de formas sustentábeis de aproveitamento dos recursos, o grupo de investigación gCons da Coruña achéganos á posibilidade do uso de cunhas de mexillón na construción. Tamén poderemos coñecer o proxecto para a conservación da Zostera na Enseada de San Simón, ler a entrevista ao presidente de ADEGA, Roi Cuba, ter unha aproximación ao concepto e formas de ecocidio da man de Adela Figueroa e saber dos resultados do Proxecto MardeAlosas, entre outros contidos.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal