ADEGA

Inicio / Novas / Todas / NON Á GUERRA! Pola paz e a soberanía dos pobos!

25-02-2022

NON Á GUERRA! Pola paz e a soberanía dos pobos!

Diante dos últimos acontecementos que se están a desenvolver na Ucraína e o Donbass, desde ADEGA esiximos:

1. Non á guerra! Dende ADEGA esiximos o cese inmediato dos combates na Ucraína e a volta á vía diplomática como única vía para a resolución deste conflito e rexeitamos de maneira contundente calquera acto de guerra en territorio ucraíno. Amosamos a nosa preocupación por que se poida dar lugar a unha escalada bélica na rexión de consecuencias imprevisíbeis.
 
2. Esiximos a retirada de todas as tropas despregadas na zona e o regreso destas aos seus respectivos territorios. Así mesmo, avogamos pola disolución da alianza criminal e asasina da OTAN, e esiximos que se deteña xa a súa ampliación cara o leste europeo e a non incorporación de Ucraína á mesma. Consideramos lamentábel o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflicto, como títere dos intereses da OTAN e os EUA.

3. Denunciamos tamén as accións previas de provocación e hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk. Unha situación que se estende desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas, con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk. Ataques que foron silenciados pola prensa occidental, a pesar dos informes dos observadores da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) despregados sobre o terreo, que así o confirman.
 
4. Demandamos do goberno español neutralidade activa neste conflito e a inmediata retirada das tropas españolas enviadas á zona. Se o estado español quere contribuír á resolución deste conflito debe facelo apoiando e reforzando a vía diplomática.

5. Demandamos da Comunidade Internacional que traballe polo restablecemento dun marco de solución dialogada ao conflito de Ucraína coas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, en base aos criterios definidos no Protocolo de Minsk.

6. O belicismo no que seguen instalados principalmente os EUA e as outras “superpotencias” capitalistas mundiais, debe ser un revulsivo para que o conxunto das organizacións nacionais galegas asuman coa determinación precisa, a urxencia de traballar por acadar a soberanía alimentaria e enerxética para o pobo galego. En base ao deseño e artellamento dun novo modelo produtivo; autocentrado, científico, sostíbel e socialmente xusto.

7. Tráxico e abominábel observar como neste mundo, miles de millóns de persoas enfrontan as graves crises da emerxencia ambiental e climática, e sufriron e seguen a sufrir a fame e a carencia grave de recursos enerxéticos, habitacionais, médicos, educativos ou culturais. Mentres as oligarquías das “superpotencias” capitalistas, incluíndo á U.E e ao estado español, desbaratan millóns de recursos humanos, materiais e económicos públicos!!, en erguer exércitos e armas de destrución masiva, para impoñer a súa brutalidade imperialista sobre os pobos do mundo.

E sumámonos tamén ás reclamas e convocatorias de repulsa contra a guerra da Plataforma Galega Contra a OTAN.

POLA PAZ E A SOBERANÍA DOS POBOS
NON Á GUERRA!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal