ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Plano Hidrolóxico Miño-Sil mantén a...

14-01-2022

O Plano Hidrolóxico Miño-Sil mantén a posibilidade de construir novos macroencoros na bacía

A nova planificación da bacía Miño-Sil, dependente do Ministerio, unha das máis sobre-explotadas de Europa, aínda permite seguir a aumentar a presión hidroeléctrica. Entre outras medidas, ADEGA pide que se veten por lei novos encoros e aproveitamentos nestes ríos, como xa acontece dende hai dous ciclos de planificación (15 anos) nas bacías de Galiza-Costa.

Punto final aos encoros, condición "sine qua non" para unha planificación minimanente sustentábel

O novo Plano Hidrolóxico MIño-Sil (PHMS) debería declarar aos ríos galegos da súa competencia como zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos, xa que estes son os principais responsábeis da deterioración do seu estado ecolóxico, consonte ás análises e conclusións da propria memoria do PHMS, e a teor do recollido no Preámbulo da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos. 
En consecuencia, o PHMS debería incorporar no seu apartado normativo a paralización da concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos acordada polo Parlamento de Galiza e xa aplicada nas bacías dependentes da Xunta. Asemade, os novos aproveitamentos e modificacións dos xa existentes actualmente en tramitación, deberían decaer tras a entrada em vigor da proposta de revisión do PHMS.

Os expedientes de caducidade revisión ou rescate dos dereitos concesionais deberianse iniciar de oficio para aqueles aproveitamentos que incidan na deterioración do bo estado ecolóxico das masas de auga e impidan a consecución en prazo dos obxectivos fixados pola Directiva Marco da Auga (DMA), sen máis adiamentos e resolvelos (caso dos procedementos de caducidade) no prazo que marca a normativa. A finalidade deberá ser restaurar as masas de auga ao seu estado natural, incluíndo se fose necesario o desmantelamento das infraestruturas hidráulicas.

Mención especial requiren as denominadas “centrais reversíbeis” ou de bombeo. Estas infraestruturas que conectan dous encoros xa existentes mediante centrais de turbinación/bombeo pretenden acumular a electricidade producida e non colocada no mercado por fontes intermitentes como a eólica, ou de difícil regulación a nuclear. Precisan de importantes obras públicas durante a súa execución e contribúen a alongar os impactos das infraestruturas xa existentes sobre as bacías fluviais e os ecosistemas circundantes.
No documento do PNIEC (“Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030”) recóllese que “os bombeos hidráulicos terán que cumprir o disposto no plano hidrolóxico e en todo caso situaranse fóra da Rede Natura 2000 e/ou espazos protexidos, por canto son proxectos con impactos moi importantes como modificacións morfolóxicas de canles e ribeiras, así como perda de biodiversidade." Dende ADEGA propoñemos que estas infraestruturas non poidan desenvolverse dentro dos espazos que conforman a Rede Natura 2000, nin afectar ás zonas protexidas.

Preferenza de usos: demandamos máis sensibilidade ambiental e máis rigor con minas e eucaliptos

Os usos e aproveitamentos da auga basearanse nos principios establecidos na DMA, en especial o de “non deterioración”, considerando a auga e os humidais como un activo ecosocial, e a respeito dos usos consuntivos, nos de xestión da demanda e recuperación de custos. En consecuencia deberán establecerse dotacións de recurso de referenza, atendendo a criterios de dispoñibilidade, eficiencia e racionalidade no uso, en consonancia cos obxectivos ambientais de non deterioración e recuperación do bo estado ecolóxico. 

A orde de preferenza de usos proposta no documento de revisión do PHMS para o periodo 2021-2017 (art.9 da Normativa) inclúe no segundo orde de preferenza, despois do abastecemento, os denominados “outros usos ambientais”. Dende ADEGA entendemos que estes “outros usos ambientais” debruzados posteriormente no Apéndice 7 da Normativa como os exclusivamente destinados a extinción de lumes, rego de hábitats e conservación de razas autóctonas, non representan en absoluto o conxunto de usos e aproveitamentos de carácter ambiental. Entendemos que tais usos, que deberían denominarse “usos ambientais”, sen máis, deberían interpretarse como os necesarios para a conservación dos ecosistemas naturais e o mantemento dos servizos ecosistémicos (produción de osíxeno, captura de C, almacenamento e regulación da auga, mantemento da fertilidade e da biodiversidade, etc.) que os ríos prestan à sociedade. 

Polo que atinxe aos usos mineiros, no artigo 27.1 da Normativa se establecen as limitacións para os aproveitamentos mineros com afección ao DPH e zonas de protección. Permítense baixo condicións a realización de vertedoiros e entulleiras na zona inundábel da zona de policía, o que dende o noso punto de vista non garante a integridade dos recursos hídricos fronte a estas actividades. Xa que logo calquera actividade relacionada co aproveitamento mineiro debería estar excluída danto do DPH como da zona de policía de canles.

E sobre as plantacións forestais, alén das especies exóticas invasoras, e a respeito dos aproveitamentos forestais con especies como o eucalipto ou coníferas incluídas no Anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza, a prohibición do seu aptoveitamento debería estenderse máis aló do DPH, a toda a zona de protección de servidume e de policía para todo o conxunto as canles que conforman a Rede Hidrográfica Básica.

En definitiva, o novo documento de planificación presentado polo Ministerio para demarcación hidrográfica Miño-Sil debería ser moito máis ambicioso na protección e recuperación dos nosos ríos, para poñerse altura dos impactos e ameazas que a mudanza climática está a provocar en todos nos ecosistemas húmidos do planeta. Eliminar barreiras, restaurar as bacías e xestionar o recurso con criterios prioritariamente ecolóxicos xa non é unha opción: é unha necesidade.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal