ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / San Fins: a Xunta tramita un permiso de vertedura...

17-12-2021

San Fins: a Xunta tramita un permiso de vertedura caduco e sen avaliación de impacto

Logo de tentalo en 2016, a mineira de San Fins pretende verter de novo millóns metros cúbicos de augas contaminadas á ría de Noia. O estrano é que a Xunta siga a tramitar un procedemento caduco que permitiría á empresa reabrir unha mina sen estudo de impacto.

A resurreción administrativa dun proxecto "zombi"

O procedemento de solicitude de vertedura iniciouno Tungsten San Fins en 2016 coa idea de baleirar as augas residuais mineiras (máis de 1 millón de m3) que ateigaban as galerías abandonadas e guindalas río abaixo até a ría de Noia. Daquela, e perante a forte oposición social e as denuncias ecoloxistas ao proxecto, Augas de Galiza non resolveu a autorización, resultando desestimado o procedemento. Porén, agora a mineira volta á carga cun "proxecto refundido" daquel de 2016 para verter novamente as augas da mina, que sorpresivamente Augas de Galiza tramita como o mesmo expediente (DH. V15.54967).
Logo de máis de 4 anos do remate do prazo de resolución (un ano) que fixa o regulamento hidráulico sen que Augas se pronunciara expresamente, o procedemento ficou caduco. A pretensión da mineira de tramitar un novo proxecto dentro do mesmo procedemento administrativo que caducou en 2016, e o feito que a Xunta llelo poidera aprobar, suporía unha causa certa de nulidade.

Xogo de trileiros cos metros cúbicos para eludir o impacto ambiental

Xa en 2016, a mineira na súa solicitude inicial falaba de verter nun ano 1,1 millóns de m3. Mais tal cantidade obrigaría a realizar un estido de impacto ambiental, polo que en sucesivas "actualizacións" e "addendas" ao proxecto, esta cantidade reduciuse a 946.000 m3. A mineira modificou arbitrariamente as súas previsións, completamente á marxe dos datos pluviométricos e de aforos, coa única intención de evitar maiores controis ambientais. Tal circunstancia foi tamén denunciada pola Fiscalía do TSXG nas dilixencias penais abertas no xulgado de Noia contra diversos responsábeis da mineira e da Xunta.
Nesta ocasión, Tungsten San Fins volta facer a mesma manobra: estima en máis de 1 millón os m3 de auga a verter durante a fase de baleirado das galerías inundadas, mais a duración do proceso abrangue 498 días, resultando que anualmente non se superarían os 870.000 m3.
Esta artificiosa cifra alén de entrar en contradición coas do proxecto presentado en 2016, non está sustentada en ningún estudo hidrolóxico e, como tamén sinalou Augas daquela, contradí os datos hidrolóxicos oficiais. A mineira fai un xogo de trileiros cos cálculos coa única pretensión de non superar o limiar que obrigaría a realizar unha avaliación de impacto ambiental.

Fragmentación de proxectos e ausencia de avaliación dos efectos na Rede Natura e no marisqueo

Curiosamente, mentres o proxecto de solicitude de bomdeo atopábase en información pública, a mineira presentou outro proxecto para "axeitar" a canle do rego que drena a explotación e restaurar o dominio público afectado secularmente polas actividades mineiras. Á marxe de que este proxecto de "restauración" atinxe as balsas mineiras no río Rabaceiras que a empresa sempre quixo facer pasar como alleas á actividade mineira, as "actuacións" non pasan por retirar as vellas presas senón por facerlle sitio ás novas tubaxes para baleirar as augas contaminadas da mina.
Esta "adecuación" ten tamén a intención de substituir ao proxecto definitivo de abandono e clausura dunha instalación de residuos mineiros, trámite alleo ás competencias da administración hidráulica.
Temos pois que dúas actuacións relacionadas, a "adecuación" do rego (unha restauración camuflada) e o permiso de vertedura, para as que se precisaría unha avaliación de impacto ambiental, preséntanse por separado sen este trámite para facilitar a súa aprobación. De fondo paira o proxecto de reapertura da mina de San Fins de 2009, proxecto que tampouco contou coa preceitiva avaliación de impacto.
En ningún destes documentos da solicitude de vertedura de máis de 1 millón de m3 á ría de Noia se fai sequera referenza á presenza a apenas 6 km augas abaixo do esteiro do Tambre, espazo da Rede Natura 2000, nin tampouco á riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Noia que sustenta a centos de familias.

Desde ADEGA reclamamos a Augas de Galiza que arquive arquive de inmediato esta solicitude ou no seu defecto emita resolución denegatoria, de xeito que se non acabe "branqueando" os incumprimentos da empresa e sendo cómplice dos manexos das mineiras. A saúde das nosas rías non pode esatr sometida aos intereses de Florentino Pérez!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal