ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O Plano Hidrolóxico da Xunta non dá resposta aos...

04-11-2021

O Plano Hidrolóxico da Xunta non dá resposta aos retos do cambio climático

ADEGA vén de facer achegas ao plano hidrolóxico Galiza-Costa (PHGC) para as bacías que xestiona a Xunta. O documento está lonxe de dar resposta aos efectos da mudanza climática e á blindaxe dos nosos ecosistemas humidos para manter os servizos que estes prestan á sociedade.

Ausencia dun Plano de Resiliencia: preparármonos para amortecer os impactos nos ecosistemas húmidos

No actual cenario de mudanza climática o PHGC debería ter en conta non só as determinacións da Directiva Marco da Auga, senón tamén o recollido nos compromisos subscritos polo Estado español no marco dos acordos climáticos internacionais e europeos, así como nos planos estratéxicos aprobados a tal efecto. Xa que logo, este PHGC debería incluír, ademais dos Planos de Seca e Enchentes, un Plano de Resiliencia Climática para todas as masas de auga competencia da Xunta. Trátase de incardinar as iniciativas xestionadas como “medidas” soltas nun único programa que integre para as distintas bacías as necesarias actuacións de renaturalización e recuperación dos ecosistemas húmidos, fomento da continuidade fluvial, eliminación de obstáculos, e de restauración hidrolóxico-forestal.

Nese Plano de Resiliencia, e logo dunha diagnose conxunta, establecerianse uns obxectivos de adaptación dacordo co Plano Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (PNACC) 2021-2030 e coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE). Trátase de preparar e reparar as capacidades dos ecosistemas acuáticos para soportar e amortecer os impactos da mudanza climática, e deste xeito garantir o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan.

Planificar unicamente sobre a dispoñibilidade do recurso "auga", ben sexa por defecto (Plano de seca) ou por exceso (Plano de enchentes) é manifestamente insuficiente e amosa un concepto constrinxido e anticuado da xestión hidrolóxica.

Antepón os intereses industriais das eléctricas ao interese xeral

Densidade de aproveitamentos hidroeléctricos por territorios

Malia a que nesta revisión o PHGC mantén a prohibición (ano 2005) de outorgar concesións hidroelectricas que supoñan novos obstáculos transversais nas canles, o documento recolle algunhas excepcións. É o caso das modificacións das concesións vixentes que impliquen a "repotenciación e/ou modernización e mellora das infraestruturas existentes”. Neste senso, unha práctica habitual das eléctricas para prolongar espuriamente o prazo concesional dos aproveitamentos próximos a caducar é precisamente a “modernización” ou “repotenciamento” das instalacións. Malia a non supoñer a construción de máis obstáculos transversais nin modificar a capacidade dos vasos, estas actuacións precisan de importantes obras que causan graves alteracións nas canles, bosques de ribeira, paisaxes, incremento da erosión e arrastres, alén de requerir o baleirado temporal das infraestruturas de almacenamento. O aumento dos caudais turbinados, por veces máis do triplo, contribúe tamén a agravar de xeito permanente o estrés hídrico da bacía. Dende ADEGA propoñemos limitar a autorización das “modernizacións” ou “repotenciamentos” dos aproveitamentos hidroeléctricos a aqueles proxectos que non aumenten máis dun 50% a potencia orixinalmente autorizada, o caudal máximo non supere nun 20% o concedido inicialmente, e sempre sen alongar o prazo concesional.

Tamén no que atinxe aos usos da auga, consolídase a preminencia dos usos ambientais sobre os hidroeléctricos... ou non.
A orde de preferenza de usos proposta no PHGC para o periodo 2021-2017 inclúe como segunda prioridade, despois do abastecemento, os denominados “Usos para transición xusta, previstos na disposición adicional 16ª do Texto refundido da lei de augas”. Tal disposición refirese ao outorgamento de novas concesións (hidroeléctricas) logo de extinguidas as predecesoras, para compensar o peche de centrais térmicas e nucleares, e que estes usos prevalecerán sobre os fixados nos planos de bacía, agás o de abastecemento. Dende ADEGA entendemos que estes “usos para a transción xusta” non son máis que usos industriais hidroeléctricos (5º na xerarquía) aos que se lles pretende dar preferenza sobre os usos agropecuarios e mesmo ambientais. Deste xeito subvírtese artificiosamente a orde de preferenza para permitir ás electricas antepoñer os seus intereses aos xerais e aos principios establecidos na propia Directiva Marco da Auga, por canto o alongamento da presión hidroeléctrica sobre as bacías dos aproveitamentos caducados colisiona co principio “non deterioración”. Considerando que a Xunta ten competencias plenas en planificación hidrolóxica nas bacías intraautonómicas, e tendo en conta que as nosas redes fluviais soportaron xa durante decenios (por veces séculos) os impactos derivados dos aproveitamentos hidroeléctricos (ver figura lateral), e considerando que a contribución enerxética dos nosos ríos ao conxunto do Estado ten sido moi superior que a doutros territorios, a prioridade destes “usos para a transción xusta” debería ser inferior á dos usos ambientais e mesmo á dos usos agrogadeiros, equiparándose así aos usos industriais xerais.

Aumentar os humidais protexidos e poñer couto ao eucalipto

No país dos mil ríos, os humidais protexidos cóntanse cos dedos dunha man. Neste PHGC, as propostas de novas Reservas Naturais Fluviais e de zonas de protección especial, incluidos os 5 humidais xa protexidos pola convención RAMSAR, resultan manifestamente insuficientes.

Dende ADEGA propoñemos incorporar como humidais protexidos xa neste ciclo de planificación a aqueles espazos listados no “Inventario dos Humidais de Galiza” (Ramil & Izco, 2003) que se sitúan dentro do territorio atinxido pola demarcación Galiza-Costa. Trátase de 635 humidais (considerando a definición da Convención Ramsar) dos 1131 listados no Inventario para todo o país. Tanto as reservas naturais fluviais como os humidais protexidos deberianse xestionar cos mesmos criterios que os espazos integrados na Rede Galega de Espazos Protexidos e Rede Natura 2000, através de planos de Conservación/Xestión e dun Plano Director, respeitivamente.

Ausentes: Educación Ambiental, Voluntariado e Custodia do Territorio

Resulta inaceitábel que os conceitos de Educación Ambiental e Custodia do Territorio estean completamente ausentes do documento de planificación, e que a participación pública só se limite aos periodos regrados de consulta pública durante o procedemento administrativo de revisión do PGHGC.

Xa que logo, propoñemos a inclusión na proposta de PHGC 2021-2027 dun Plano de Educación Ambiental (en diante EA) que vise promoción e divulgación do uso sustentábel do recurso a nível doméstico, industrial e agrogandeiro, priorizando a redución no consumo de auga e a prevención da contaminación, e atendendo ás recomendacións na Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA) para atinxir unha nova cultura da auga.

O PHGC debera incluir tamén un Programa de Voluntariado Ambiental e promoción da Custodia do Territorio en masas de auga, humidais e costas, para favorecer a participación activa da cidadanía e colectivos sociais na conservación e mellora dos ecosistemas fluviais.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal