ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Lugo presenta o programa de roteiros...

20-10-2021

ADEGA Lugo presenta o programa de roteiros 2021/22 "As nosas sagradas montañas"

Este domingo ADEGA Lugo da comezo ao programa de roteiros do curso 2021/22 “As nosas Sagradas Montañas”.

A Terra seria totalmente diferente se non houbese montañas, non seria habitábel. As montañas son sagradas porque elas condicionan o clima da Terra, cortan os ventos e provocan a precipitación das chuvias, nelas están as nacentes dos rios que irán regar a terra enteira. O manto das turbeiras garda a reserva de auga do inverno para que poda ser deitada ao val no estío; no Xistral agora ultraxada pola destrución provocada polos parques eólicos que alteraran o ciclo hidrolóxico de xeito irreversíbel.

Nas montañas gárdanse as pegadas mais antigas e senlleiras da historia da humanidade: campos de mámoas, castros defensivos controlando os camiños, petróglifos que fornecen o substrato das lendas que conforman a nosa mais autentica mitoloxía. As montañas son lugares sagrados porque nos achegan ao ceo e nos permiten imitar a deuses e deusas deixándonos ter vista ao lonxe, e deixa-me ir ao alto que do alto vexo ben... Alí aínda viven as mouras, meigas e fadas que gardan as terras coa súa maxia ancestral.

As nosas montañas hoxe son menosprezadas e son obxectivo de megaparques eólicos, que fragmentan hábitats e esquilman os recursos, deixando de lado ás poboacións locais. Por iso tocaremos a rebato durante 9 saídas nas que visitaremos diferentes puntos do país, e descubriremos xunto con colectivos locais os valores ambientais, culturais e patrimoniais acubillados no seo destes lugares.

O programa de roteiros

  • 24 de outubro O Courel, Encrucillada cultural 
  • 21 de novembro Lendas da Cova da serpe en colaboración con Xermolos e Lareira de Soños
  • 19 de decembro Montañas de Navia de Suarna en colaboración coa Irmandade Naviega
  • 23 de xaneiro O arte prehistórico escondido nos Ancares en colaboración con Rente ao Couce e Patrimonio dos Ancares
  • 20 de febreiro O Cuadramón, as nascentes das augas en colaboración con Cultura do País do Valadouro
  • 20 de marzo Virileo: Dende os Ancares ate o mar por Negueira de Muñiz en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento de Negueira.
  • 24 de abril O santuario perdido dos celtas polo Monte do Seixo en colaboración coa Asociación Capitán Gosende
  • 22 de maio A Galiza estremeira por Alto Cabrera en colaboración con  Bierzo Aire Limpo
  • 12 de xuño Camiñando polas terras do lobishome polo Biduiral de Montederramo. 

Os roteiros de ADEGA Lugo

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

    Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982 240299 (local) ou 677800293 (Lucía).

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal