20-10-2021
Este domingo ADEGA Lugo da comezo ao programa de roteiros do curso 2021/22 “As nosas Sagradas Montañas”.
A Terra seria totalmente diferente se non houbese montañas, non seria habitábel. As montañas son sagradas porque elas condicionan o clima da Terra, cortan os ventos e provocan a precipitación das chuvias, nelas están as nacentes dos rios que irán regar a terra enteira. O manto das turbeiras garda a reserva de auga do inverno para que poda ser deitada ao val no estío; no Xistral agora ultraxada pola destrución provocada polos parques eólicos que alteraran o ciclo hidrolóxico de xeito irreversíbel.
Nas montañas gárdanse as pegadas mais antigas e senlleiras da historia da humanidade: campos de mámoas, castros defensivos controlando os camiños, petróglifos que fornecen o substrato das lendas que conforman a nosa mais autentica mitoloxía. As montañas son lugares sagrados porque nos achegan ao ceo e nos permiten imitar a deuses e deusas deixándonos ter vista ao lonxe, e deixa-me ir ao alto que do alto vexo ben... Alí aínda viven as mouras, meigas e fadas que gardan as terras coa súa maxia ancestral.
As nosas montañas hoxe son menosprezadas e son obxectivo de megaparques eólicos, que fragmentan hábitats e esquilman os recursos, deixando de lado ás poboacións locais. Por iso tocaremos a rebato durante 9 saídas nas que visitaremos diferentes puntos do país, e descubriremos xunto con colectivos locais os valores ambientais, culturais e patrimoniais acubillados no seo destes lugares.
Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.
Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal