ADEGA

Inicio / Buscador / Salvemos a praia de Cedeira

16-01-2014

Salvemos a praia de Cedeira

COMUNICADO CONXUNTO SOMOSCEDEIRA E ADEGA: SALVEMOS A PRAIA DE CEDEIRA

Praia de Cedeira

A Plataforma Cívica SomosCedeira, xunta coa Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA) desexan manifestar públicamente a súa rotunda oposición aos plans anunciados nos medios de comunicación pola Demarcación de Costas de Galicia e o Concello de Cedeira, relativos ao propósito de volver a facer recheos de area, a sabendas que só servirá para enganar ao turista estival, pero non á veciñanza.

De novo obviase o carácter dinámico e vivo das praias, reducindo a un espazo inerte de ocio estival o que en realidade é un complexo ecosistema integrado non só coa ría senón cos humedais próximos. Ver: http://siam.cmati.xunta.es/mapa-de-humedais

Ademáis da fauna mariña coñecida, a praia está ateigada doutra fauna miúda que vive nos ocos da area facendo funcións ecolóxicas imprescindíbeis para a saúde do entorno natural. O impacto ambiental do traslado de area dos fondos da ría cara a praia ten un forte impacto ambiental negativo sobre a biodiversidade tanto onde se colle coma onde se bota.

Falamos por unha banda de fauna e flora non comercial, como por exemplo a ave limícola píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie ameazada para a que a Xunta fixo un plan de conservación e un borrador de decreto. É unha especie con pouca presenza en Europa e na zona cantábrica da península ibérica só se atopa en Galiza. No devantido plan inclúese a praia da Madalena dentro da distribución potencial deste paxaro, que xa se atopou en Pantín e Vilarube.

Támen se verá afectada a fauna comercial, polo que o impacto negativo na economía da xente do mar que traballa na ría pode ser moi relevante.

A elaboración dun estudo de avaliación de impacto ambiental é fundamental, como tamén o é non traballar sobre un estudo xa precociñado, senón partir coas ideas abertas, considerando a situación actual e implicando a todos os axentes locais (partidos con ou sen representación actual, agrupacións, confraría, veciñanza…) e autoridades competentes (Costas, Concello, Medioambiente, e por suposto, Portos de Galiza, pois posiblemente a chave das medidas correctoras estén máis no lado de Portos que de Costas).

A achega de area como alivio sintomático e só un disfraz de verán, que ademais de amosarse inútil nos derradeiros anos, só serve para desbaldir ao mar moreas de euros, feito que -ao ser de todos coñecido de antemán- lévanos a pensar no quid por quo? É dicir, ¿a quén beneficia realmente este despropósito?

SOMOS CEDEIRA E A ASOCIACIÓN DE DEFENSA ECOLOXICA DE GALIZA (ADEGA) SOLICITAMOS que con carácter urxente e por parte das autoridades competentes se organice unha mesa conxunta de traballo para trazar as liñas consensuadas de cara a acadar medidas duradeiras e polo tanto máis baratas, aínda que e principio semellen máis custosas. Nesta mesa NON remunerada, además de entes como Portos de Galicia e Costas, deberían estar representantes do grupo de goberno do Concello de Cedeira, de cada partido da oposición, da Confraría de Pescadores local, das organizacións ecoloxistas, e veciños de Cedeira que desexen formar parte desta tarefa, adiantando xa o noso interese.

En cada acto ou acordo relevante, propoñemos convocar en aberto no auditorio municipal á veciñanza que o desexe, onde se exporán os avances e acordos, e onde se escoitará e terá en conta a opinión de calquer veciña/o presente, así como por correo postal, ou electrónico habilitado ao efecto, ofrecendo dende xa os nosos citados ao pé.

Pretendemos con iso chegar a unha solución longa no tempo, non definitiva, e que conte co máximo apoio popular á vez que se garanta a realización dun estudo de avaliación de impacto ambiental das alternativas no marco do establecido na normativa vixente, con fin de priorizar a conservación e potenciación da ría e reserva mariña de Cedeira e por susposto,do obxectivo fundamental da rexeneneración dunar, e con vexetación autóctona na parte alta e contrapraia, co fin último de acadar non considerala “urbana” a efectos legais, e así evitar a especulación e poder compatibilizar o disfrute estival co respecto deste chachiño de natureza que aínda nos queda e debemos preservar a toda costa.

Cedeira, Galiza, a 16 de xaneiro de 2014

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal