ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Resultados XIV Limpeza Simultánea de Ríos

27-09-2021

Resultados XIV Limpeza Simultánea de Ríos

863 persoas retiran máis 13 tn de residuos na XIV Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos

Fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na XIV Limpeza Simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados. O domingo 26 de setembro de 2021 realizouse a XIV Limpeza Simultánea de Ríos en 51 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 67 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Pontevedra ou Santiago de Compostela, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 55 treitos de río e participaron 889 persoas, unha boa participación para os tempos que corren.

Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións de pescadores, culturais, xuvenís, ecoloxistas… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes catorce anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2021 volveron a aparecer rodas de automóbiles, algún que outro colchón e elctrodoméstico.


Aínda se verten moitos residuos aos ríos

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, colchóns, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras. No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade.
O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta. Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Album de Fotos da Xornada

Publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal