ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA oponse ao novo dique que o porto deportivo...

12-08-2021

ADEGA oponse ao novo dique que o porto deportivo de Sanxenxo quere construír fronte á Carabuxeira

Plano do dique e o recheo das praias previsto

Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal que xestiona o porto deportivo desta localidade vén de solicitar permiso da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para colocar un dique perpendicular á praia de Carabuxeira, de 100 metros de longo de formigón armado, para corrixir a alteración hidrodinámica que o porto deportivo de Sanxenxo exerce sobre este areal e o de Lavapanos.  O proxecto de Nauta Sanxenxo propón ademais o deitado de 24.000 m3 de area sobre a praia de Carabuxeira e 3.000 m3 enriba de praia de Lavapanos, así como a ocupación de 350 metros da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, enriba de cantís naturais.

A asociación ecoloxista ADEGA vén de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que denegue a autorización ambiental deste proxecto por promover actuacións que, non só non solucionarán a problemática da regresión dos areais de Carabuxeira e Lavapanos, senón que agravarán a alteración da dinámica das correntes mariñas, suporán un importante impacto para os hábitats e especies que viven na zona, e aumentarán a presión urbanística sobre o mar incidindo de forma moi negativa sobre o ecosistema natural.

Ademais, o proxecto de construción, chamado eufemísticamente de “Rexeneración das praias de Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso”, non propón ningunha solución que incida nas causas de orixe da problemática da regresión dos areais: a infraestrutura do porto deportivo de Sanxenxo. Paradoxalmente, prevé a incorporación de máis infraestruturas de formigón no mar e o aporte artificial de area que habería que repoñer de forma recorrente.

Defectos na avaliación ambiental do proxecto

Simulación do recheo e novo acceso á praia da Carabuxeira

A proposta de avaliación ambiental do proxecto de Nauta Sanxenxo carece de rigor. Ademais de non contemplar alternativas de solución real sobre o porto deportivo de Sanxenxo, non avalía cal pode ser o impacto do novo espigón sobre os fondos mariños e os hábitats de interese comunitario presentes na zona, como é o caso das comunidades bentónicas de algas e invertegrados (113010 Estuarios), hábitat recollido na Directiva 92/43/CEE. Tampouco analiza que impacto sufrirán aquelas comunidades de animais que viven no areal e que se verán directamente afectados polo aterramento ou deitado de area. Así mesmo, a remoción de area podería favorecer a contaminación biolóxica, contribuíndo a estender as especies exóticas invasoras, que o propio documento de inicio do proxecto recoñece que existen na zona.

Malia a estimar que o retroceso promedio da zona de costa obxecto de estudo por causa da mudanza climática estaría en 5,3 metros para o período 2018-2100, as actuacións programadas desprezan a certeza do incremento do nivel do mar, xa que favorecen os impactos do cambio climático sobre a costa.

Impacto no sector produtivo

O recheo dos areais e a construción do espigón afectarían a catro bancos marisqueiros dos cales 2 se explotan comercialmente na actualidade polas confrarías de Sanxenxo e Bueu, Lourizán, Pontevedra, Portonovo, e Raxó. Tampouco se determina na proposta de Nauta Sanxenxo como estas obras afectarían ao estado de conservación destes bancos marisqueiros e á actividade produtiva relacionado coa extracción de longueirón (Ensis ensis) e poliquetos (Lumbrineris impatiens) máis alá do período de construción das obras.

Desde ADEGA instamos a Nauta Sanxenxo e, en xeral, as autoridades públicas con competencias no litoral, que abandonen dunha vez por todas propostas de intervención urbanística agresivas co dominio público marítimo-terrestre e cos hábitats e especies que nel habitan, promovendo pola contra accións que tendan a liberar de infraestruturas innecesarias a primeira liña de costa e a corrixir (e non agravar) os efectos do cambio climático.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal