ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Residuos, enerxía e mobilidade: temas ambientais...

10-08-2021

Residuos, enerxía e mobilidade: temas ambientais destacados nos medios galegos

CERNA-Barómetro é unha iniciativa do Proxecto CERNA de ADEGA que pretende ofrecer unha radiografía da cobertura ambiental na Galiza a través dunha análise tanto cuantitativa como cualitativa da prensa do país. Deste xeito, pretendemos aproximarnos ás principais inquedanzas sociais así como extraer conclusións para facer máis efectivo o traballo das ONGs ambientalistas. O CERNA-Barómetro conta co apoio da Área de Cultura da Deputación provincial da Coruña.

O podio temático da actualidade ambiental na prensa galega

O podio temático da actualidade ambiental na prensa galega durante 2020 estivo protagonizado polas seguintes temáticas:

1. Residuos e contaminación foi a temática de maior presenza, ocupando o 27% das novas medioambientais. Nesta categoría destacou a información relacionada coa COVID-19 e a industria contaminante asentada no país,como Alcoa en San Cibrao,a central de carbón das Pontes,Meirama, Ence ou a Mina de Touro. Seguíronlle as referidas á xestión do lixo urbano e a contaminación das augas marítimas e dos ríos, como os vertidos realizados pola eléctrica Endesa no río Eume ou a presenza de hidrocarburos rexistrada en outubro na ría de Arousa.

2. Coincidindo coa crise climática e de recursos, a produción enerxética e a súa industria asociada, estiveron moi presentes na prensa galega, representando a categoría Enerxía e clima o 12,45% do total. Destacaron tamén as novas relacionadas co cambio climático a nivel político e lexislativo así como as que abordaron súa incidencia ou repercusión en especies e ecosistemas concretos.Damos conta tamén da aparición de información sobre os primeiros proxectos eólicos.

3. En terceiro lugar, situáronse as novas relacionadas co Urbanismo e mobilidade, co 12,3%. Nela tiveron presenza informacións de corte local para a implantación de medios de transporte alternativos aos carbono dependentes, como a bicicleta ou o patinete eléctrico, así como as novas sobre infraestruturas de maior envergadura como o AVE ou a AP-9.

Análise de contidos do Cerna-Barómetro 2020

En liñas xerais, detectamos que os temas que xeran controversia e os que ameazan dun xeito explícito a nosa calidade de vida concentran o interese mediático. Este sería o caso de cuestións que suscitan unha alta polarización como a caza ou a confrontación existente entre o persoal e a veciñanza afectada por industrias altamente contaminantes.

Entre os temas que amezan a nosa calidade de vida, a COVID-19 destaca con diferenza con respecto doutros (relación da pandemia coa perda de biodiverdidade, impacto do confinamento sobre a fauna silvestre, a redución da polución...) seguida de preto pola información sobre proxectos agresivos para o territorio.

Detectamos, que a problemática económica ou política adoita invisibilizar o calado ecolóxico de moita da actualidade do noso país. Advertimos esta tendencia de xeito máis palpable nas novas relacionadas con industria, outro dos grandes focos de interese. Pero tamén noutras novas máis directamente relacionadas co medio, como sería o caso de verteduras ou contaminación no medio natural, dando especial peso informativo ás resolucións xudiciais ou incluso á cuestión económica referida ás multas impostas ás entidades infractoras.

Deste xeito, a información ambiental é secundarizada por boa parte das novas e cabeceiras do noso país. Desde ADEGA, entendemos que agora máis que nunca, nun contexto de crise climática que pon en xaque a continuidade do actual modelo socioeconómico, é preciso introducir o medio natural no centro informativo e abordar a actualidade desde un prisma ambientalista, contribuíndo así nutrir unha cultura e conciencia ecolóxica que permita un mellor futuro para o territorio.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal