ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A CHMS denega a solicitude de legalización das...

30-06-2021

A CHMS denega a solicitude de legalización das instalacións do Clube Fluvial por ser incompatibles co Plan Hidrolóxico Miño Sil

A Confederación Hidrográfica Miño Sil vén de comunicar a ADEGA que resolveu denegar ao Clube Fluvial de Lugo a solicitude de renovación da concesión polo prazo legal máximo previsto da ocupación, así como a legalización das instalacións existentes na actualidade indicando que o proxecto presentado plantexa usos e actividades que supoñen unha degradación do Dominio público hidráulico, en canto á sua morfoloxía e características naturais dacordo co disposto no RDPH.

Dende ADEGA consideramos satisfactoria esta resolución, por canto por fin se atenden as reclamas feitas durante décadas, a prol da liberación da zona de servidume coa retirada de valados e portas que impiden o tránsito desde o río á terra de persoas e animais. A entidade deportiva leva incumprindo esta condición á que se vincularon todas as concesións que lle foron outorgadas, e polo que o organismo de bacía xa lle leva imposto varias multas coercitivas. Dende ADEGA solicitamos a retirada de todas as instalacións que son ilegalizables.

A nova praia fluvial

Estamos ante unha oportunidade única e irrepetible de recuperar este treito do río Miño para uso público, garantindo a conservación dos valores naturais, e liberar a zona de servidume de obras que hoxe en día son cuestionables desde o punto de vista ambiental e social. Pensamos que no século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida autorizacións ou concesións en dominio público hidráulico que traten de perpetuar para as vindeiras décadas zonas de baño privadas ou de uso exclusivo para uns poucos e obras que interrompen o acceso ou paso público á zona de servidume.

No caso concreto do concello de Lugo, pensamos ademais que desde hai cinco anos, tanto o goberno local como os grupos da oposición, están a promover de xeito desenfocado e errático a ocupación e alteración de novos treitos naturais do río Miño para a creación dunha praia fluvial pública, cando poderían estar apostando por fórmulas que permitisen o aproveitamento dos recursos xa existentes e que fosen satisfactorias para o conxunto da cidadanía. Neste senso, é preciso destacar que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto, o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente. Ningunha das outras alternativas ata agora expostas polo Concello e polos grupos da oposición contan con este obrigado recoñecemento, presentando, pola contra, serias dúbidas de viabilidade, ben polo seu impacto ambiental e paisaxístico, ben pola falta de profundidade do río ou ben polas poucas garantías de seguridade das instalacións.

Instamos ao Concello a que presente a correspondente solicitude de concesión para o uso dese treito do río Miño como zona pública de baño. Neste mesmo trámite, o Concello tamén poderá solicitar a declaración de utilidade pública do proxecto e a imposición das servidumes que se consideren necesarias para poder converter ese treito fluvial en zona pública de baño.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal