ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As organizacións ecoloxistas queremos participar...

29-06-2021

As organizacións ecoloxistas queremos participar no observatorio da eólica mariña criado pola Xunta

Compostela, 2 de xullo de 2021. ADEGA, CEMMA (Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, FEG (Federación Ecoloxista Galega), Grupo Naturalista Hábitat, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e Verdegaia vimos de solicitar á Xunta a inclusión dunha representación do ecoloxismo galego no “Observatorio da eólica mariña”.

O pasado 9 de xuño a Xunta anunciaba a constitución do denominado "Observatorio da eólica mariña" co obxectivo de ”someter ao acordo de todos os axentes participantes cada paso que se dea no desenvolvemento da eólica mariña". Neste organismo consultivo estarían representadas, alén das consellarías de Economía, Empresa e Innovación, Mar e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a patronal da industria do metal e eólica mariña (ASIME-GOE, Galician Offshore Energy Group), e o sector pesqueiro (confrarías e Consello Galego de Pesca).

Chama a atención que malia a que entre os obxectivos declarados deste observatorio se atopan "analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas" utilizando para iso "estudos medioambientais e socioeconómicos" para "garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema", non se teña contado coa participación das entidades ecoloxistas.

Xa o Convenio de Aarhus en 1998, ratificado en 2004 polo Estado español recoñece (arts. 6 e 7) o dereito da cidadanía a participar nas decisións relativas a determinadas actividades, planos, programas e políticas que atinxan ao medio ambiente. Pola súa banda a Directiva 2003/35/CE pola que se establecen medidas para a participación do público na elaboración de determinados planos e programas relacionados co medio ambiente, determina no seu artigo 2 que os estados membros garantirán que o público teña posibilidades dende o principio na preparación, modificación ou revisión dos planos e programas con afeccións ambientais. E finalmente a Lei 27/2006 pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, recoñece estes dereitos e incorpora no Título II as determinacións da Directiva 2003/35/CE (arts. 16 e 17).

Xa que logo, este observatorio debería considerar o concurso do movemento ecoloxista que acredita décadas de traballo nos ecosistemas costeiros e mariños, e abrirse tamén á participación das universidades e organismos de investigación que traballan neste medio. Non resulta aceptábel que á hora de avaliar os impactos da eólica mariña nas costas galegas se consideren unicamente os aspectos socio-económicos que interesan ao sector.

Asinan: DEGA, CEMMA (Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, FEG (Federación Ecoloxista Galega), Grupo Naturalista Hábitat, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e Verdegaia

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal