ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta cuestiona a viabilidade ambiental da...

10-06-2021

A Xunta cuestiona a viabilidade ambiental da ampliación do Ceao proposta polo Concello de Lugo

O pasado 18 de maio fíxose público un informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia, o cal cuestiona a viabilidade dun Plan urbanístico deseñado para crear unha nova urbanización industrial na parte norte da cidade, entre o centro comercial de As Termas e o Polígono de O Ceao, no  "Sector S-5.I" delimitado no Plan Xeral de ordenación municipal de Lugo (PXOM).

Tras constatar os salientables valores ambientais do ámbito afectado, -onde se atopan varias nacentes do río Rato e existen abundantes formacións de bosque de ribeira e carballeiras-, e detectar graves deficiencias no Plan presentado (na identificación dos elementos naturais, na análise dos riscos de inundabilidade que afectan ao ámbito, falta de integración topográfica e paisaxística, etc.), o informe da devandita Dirección Xeral xulga que <<a ordenación formulada supón unha ameaza directa sobre algúns destes valores>> e <<pode dar lugar a efectos ambientais significativos>> (adversos), condicionando a tramitación do Plan a unha xustificación da necesidade de urbanizar o ámbito, a unha revisión global da ordenación proposta, con adopción de medidas que minimicen os seus efectos ambientais, e á execución previa de determinadas obras infraestruturais, imprevistas no Plan.  

Tal ditame emitiuse tras un trámite de exposición pública, a consulta a outras Administracións e a visita ao ámbito dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental para coñecer de primeira man as características dos terreos afectados.  

Nesa fase previa varios Organismos públicos consultados manifestáronse desfavorablemente sobre o Plan. Así no informe emitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vense a considerar inviable o Plan, por non respectar toda a rede fluvial afectada, non garantir o mantemento da súa función como corredor ecolóxico e estudar incorrectamente os efectos de inundabilidade xerados pola mesma. Pola súa banda, o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, ademais de advertir a falta de varios estudos obrigatorios en materia de paisaxe, informou o efecto negativo do Plan sobre o bosque húmido existente -excluído en grande parte das zonas verdes previstas- así como sobre a integridade da rede fluvial e das masas arbóreas -derivada da previsión dun vial de conexión coa rúa da Terra-, e advertiu do incumprimento de varias normas por mor da ocupación urbanística inxustificada dun espazo de valor natural e ecolóxico.

Tivéronse en conta as alegacións presentadas por ADEGA, Ríos con Vida e a Asociación do Parque de Rosalía de Castro

No trámite de exposición pública do Plan, varios colectivos ambientalistas -ADEGA, RÍOS CON VIDA e a Asociación do Parque de Rosalía de Castro- presentamos alegacións, denunciando a insustentabilidade e irracionalidade da nova urbanización industrial proposta no contexto actual, no que existe unha grande superficie de solo industrial no Concello -máis de 125 Has.- con planificación xa aprobada, a cal se atopa xa urbanizada e/ou en espera dunha próxima urbanización, suficiente para a implantación deste tipo de actividades durante décadas. Así mesmo, nas alegacións puxéronse de manifesto as consecuencias negativas derivadas da execución do Plan, como os danos irreversibles á rede fluvial e aos hábitats naturais do ámbito, a perda dun espazo natural cunha función ambiental importante (elemento de transición entre as zonas industriais do norte da cidade e os barrios residenciais existentes ou previstos ao sur, amortecendo os efectos da actividade industrial -contaminación atmosférica e acústica- sobre as áreas residenciais próximas) e o revés que suporía para a consecución dun cinto verde que rodease a cidade de Lugo (parque circular que se conformaría unindo os parques lineais dos ríos Miño e Rato a través da divisoria que separa ambas cuncas).

O novo Plan terá que someterse a un control ambiental estricto

Os colectivos alegantes consideramos positiva a actuación das anteditas Administracións, da que se deriva o sometemento futuro do Plan a un control ambiental moi estrito, obrigando á promotora a reconsiderar as posibilidades de transformación e ordenación do ámbito, ao tempo que esperan que sirva para evitar efectos lesivos para o ecosistema do río Rato, como os carrexados por outras actuacións urbanísticas recentes realizadas nas proximidades, como a "urbanización fantasma" realizada en 2009 ao sur do centro comercial das Termas, actuación para a que se procedeu previamente ao soterramento clandestino dun afluente do río Rato e da que tamén son responsables persoas vinculadas á promotora do actual plan do sector S-5.I.  

Ao mesmo tempo, estas asociacións manifestámonos moi críticas coa actuación da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, departamento cuxos responsables advertiron da existencia de graves deficiencias no momento de aprobación definitiva do PXOM, -tanto de falta de identificación/grafado de grande parte da rede fluvial como de existencia de propostas incongruentes coa súa protección, nomeadamente na parte alta da cunca do río Rato-, e que se tiñan manifestado posteriormente sobre a ineficacia dos desenvolvementos urbanísticos previstos nesta parte do Concello, eludindo estas cuestións e a súa responsabilidade na aprobación do deficiente Plan Xeral no informe emitido sobre o plan do sector S-5.I.  

Tamén valoramos negativamente a actuación do actual goberno do Concello, ao que imputamos deixación da súa competencia de dirección da planificación urbanística municipal, -limitándose ao papel de facilitador ou "correa de transmisión" dos intereses dos grandes promotores que operan na cidade-, así como falta de conciencia medioambiental, ao tratar de consolidar un Plan Xeral nefasto para a salvagarda do patrimonio cultural e natural do Concello e que perpetúa un modelo insustentable de expansión urbanística sobre terreos exteriores á cidade existente -modelo do que o barrio pseudo”ecolóxico”, previsto curiosamente a carón do ámbito da prevista urbanización industrial, constitúe un exemplo máis-, en lugar de priorizar a acción urbanística na resolución dos problemas reais que aflixen á cidade (degradación de barrios, abandono e deterioro de grande parte do parque de vivendas, etc....), problemas nos que Lugo ten o triste honor de ocupar unha das primeiras posicións entre as cidades españolas

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal