Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Galiza e a Cordilleira Cantábrica gañan o seu...
07-06-2021
Logo da multitudinaria manifestación que viviu Galiza o pasado 5 de xuño como mostra do amplo rexeitamento social contra o actual modelo de implantación da enexía eólica, a sociedade galega, xunto con outros territorios da Cordilleira Cantábrica, volve mostrar unha vontade decidida e inquebrantable de frear por todos os medios este modelo enerxético irracional, achegando o seu destacado apoio ao fondo para a defensa xurídica da Cordilleira Cantábrica.
A campaña de crowdfunding para crear o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), que comezou o 22 de abril, Día da Terra, rematou este domingo 6 de xuño, coincidindo coa fin de semana do Día Mundial do Medio Ambiente. A iniciativa superou con folgura o seu obxectivo inicialmente marcado (40.500€) chegando a acadar un 22% máis do previsto, isto é 49.434€, importe que se destinará a defender esta área xeográfica natural dos abusos das grandes empresas enerxéticas.
Foron 46 días de intenso traballo desenvolvido polas entidades promotoras, entre as que se atopan dúas galegas, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), ademais da Plataforma por la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC), a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, a Plataforma Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos.
As organizacións promotoras amosan unha grande satisfacción cos resultados da campaña obtidos xa que se superaron todas as expectativas, contabilizando un total de 833 doazóns, das que unha parte moi significativa -pendente aínda de concretar a porcentaxe- teñen procedencia galega.
Entre as numerosas achegas de particulares, tamén procede destacar a contribución de 47 entidades de toda a Cordilleira cantábrica, especialmente ecoloxistas e conservacionistas, pero tamén empresas de turismo, medioambientais e agroalimentarias. Destas, máis do 38% foron entidades galegas ou que desenvolven a súa actividade en Galiza (ver listado).
O Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica pretende recoller, asistir e apoiar as sensibilidades das numerosas iniciativas locais xurdidas nos últimos meses desde Galiza ata o norte de Burgos, desde o occidente de Asturias ata os vales pasiegos, desde O Bierzo ata as montañas leonesas ou palentinas.
O resultado obtido permite iniciar o proxecto con todos os recursos dispoñibles.
1. Existe unha elevada motivación e preocupación nos territorios de Galiza, Asturias, Cantabria, Zamora, León, Palencia, Burgos, Euskadi, Navarra e A Rioxa, territorios nos que actualmente hai instaladas máis de 8.000 turbinas (só en Galiza, hai máis de 4.000) e nos que se proxecta a implantación dun número aínda maior.
As mobilizacións cidadás dos últimos días, como a manifestación multitudinaria vivida o pasado 5 de xuño en Santiago de Compostela ou a de Quiroga e Ponferrada, confirman esta preocupación xeral que reflicte o inxente apoio a esta campaña de financiamento colectivo.
2. As entidades promotoras da iniciativa conseguimos comunicar claramente a nosa posición: confirmamos o noso compromiso coas enerxías renovables -principalmente a pequena escala baseada no autoconsumo ou na proximidade dos grandes polos de uso enerxético-, pero denunciamos a falta dunha adecuada planificación territorial e a nula sensibilidade ambiental e social de moitos dos proxectos en proceso no norte do Estado español, en contornas de enorme interese natural e paisaxístico.
A situación volveuse moi preocupante nos últimos meses, cunha enxurrada inquietante de macroproxectos en tramitación en Galiza e en toda a Cordilleira Cantábrica (véxase a cartografía do proxecto en www.fdjcc.org/gl), nun contexto normativo aínda por desenvolver ou desfasado, como no caso galego, no que destacaba hai poucas semanas a aprobación do PNIEC (Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima , publicado no BOE o 31/03/2021) e da recente Lei de Cambio Climático, cunha clara falta de xestión, planificación e zonificación por parte, tanto das administracións autonómicas, como do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica actuará en varias frontes: a través da defensa xurídica, promovendo accións xudiciais no ámbito xudicial europeo, estatal e autonómico contra as actuacións das administracións públicas e contra a normativa sectorial que elude a planificación e a ordenación territorial previas ou que contraveñan o tratado internacional que regula os dereitos de participación cidadá en relación co medio ambiente.
O Fondo tamén proporcionará apoio a grupos, asociacións e comunidades locais que perseguen os mesmos obxectivos de defender a biodiversidade e a paisaxe e poñerá a disposición do público unha base de coñecemento con recursos legais, bibliográficos e cartográficos para facilitar a participación cidadá.
Máis información sobre o proxecto e recursos para os medios en www.fdjcc.org/gl
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal